Skip to main content
Actualidade

O primeiro foro da Deputación aborda as claves para xerar confianza na cidadanía

Por 9 Xuño, 2020Sin comentarios

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou no primeiro dos foros de turismo online Abrindo as portas: o rexurdir do turismo que organiza a institución provincial no marco da campaña En Lugo, Si. Esta primeira sesión consistiu na ponencia A sostibilidade e a confianza como claves para reactivar o turismo, dirixida polo xefe de área de Turismo Sostible da Secretaría de Estado de Turismo, Ricardo Blanco Portillo.

Blanco Portillo incidiu neste foro, retransmitido en directo na canle de YouTube dos Servizos Audiovisuais da Deputación, na necesidade de aplicar boas prácticas no sector turístico que xeren confianza no conxunto da cidadanía no novo escenario post-Covid-19, e por iso referenciou guías con medidas hixiénicas-sanitarias elaboradas pola institución pública á que pertence, e que están dispoñibles de xeito gratuíto para o sector. “Temos que aplicar un conxunto de medidas específicas ante a nova situación, pero non basta con iso, senón que a confianza no cidadán debese xerar aplicando boas prácticas en materia de sostibilidade turística, que é o que dá ese valor engadido ao produto que nós ofrecemos. España está moi ben preparada e as experiencias turísticas españolas reúnen un gran valor engadido, ademais do da felicidade, que é o que nos permite seguir sendo líderes no mundo”, subliñou na conferencia.

O poñente repasou as ferramentas coas que a Secretaría de Estado establece sinerxías coas empresas, asociacións e entidades público-privadas para fortalecer o tecido turístico español. Por exemplo, os Clubs de Produtos Turísticos de España, que axudan á promoción de produtos autóctonos ao traballar baixo o mesmo paraugas. É o caso da Ruta do Viño, Ecoturismo en España, Saborea España, Cidades Patrimonio da Humanidade ou Turismo de Saúde. Así mesmo, Blanco Portillo expuxo outros tipos de colaboración como a que ten en marcha a Secretaría de Estado para mellorar a sostibilidade do sector de aloxamentos e das praias, tamén a Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, a nova Estratexia de Turismo Sostible 2030 e neste novo escenario, programas de formación para adaptarse á nova realidade.

Blanco Portillo puxo exemplos de ferramentas coas que xa están traballando vencelladas ás novas tecnoloxías na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, ente ao que a Deputación de Lugo acaba de adherirse. “Estamos ideando aplicacións que permiten coñecer o fluxo dos visitantes e detectar se se producen aglomeracións en tempo real, para así poder actuar en consecuencia e establecer límites de capacidade acordes á realidade de cada escenario, como poden ser as praias ou calquera punto de interese turístico”. Neste sentido, a Deputada de Promoción do Territorio puxo en valor que a institución forme parte deste organismo que fortalece as iniciativas que poñen en marcha as institucións e entidades ao traballar con asesoramento e en rede.

García Porto gabou o traballo do sector da provincia de Lugo nos últimos meses dende que se decretou o Estado de Alarma pola Covid-19 e sinalou que dende as institucións, cada unha na medida das súas competencias e posibilidades, teñen que facer un esforzo para axudarlle á hostalería, comercio e turismo para volver canto antes a unha situación de normalidade. “O sector asumiu o tremendo esforzo que supón encarar un cese practicamente completo de actividade e foi quen de colaborar en accións solidarias como elaboración de menús solidarios ou repartos de comida, demostraron a súa capacidade de resposta para adaptarse ás condicións marcadas polas autoridades sanitarias para cada fase e moitos establecementos forzaron a apertura sen ter garantida a rendibilidade económica, nun desexo de axudarnos a todos e todas a recuperar a sensación de normalidade”, subliñou a Deputada.

Con ese propósito, a Deputación puxo en marcha a campaña En Lugo, Si. “Un plan que quere fomentar a reactivación activando a confianza. Con accións formativas e divulgativas que sirvan para recuperar a memoria. Porque o certo é que o mellor xeito de escribir o futuro deste sector pasa por ter claro o que o sector xa era: Un sector definido pola calidade, pola capacidade para xerar confianza nos clientes – veciños ou turistas– e pola capacidade de modernizarse ou adaptarse”, asegurou Pilar García Porto.

“Todos eses valores xa estaban aí antes da crise sanitaria. Cumpre que non o esquezamos. Non precisamos tanto valores novos, como atopar un novo xeito de presentarlle á sociedade os valores que o sector xa tiña”, argumentou a Deputada.

Os encontros de turismo online da institución provincial terán continuidade noutras catro sesións máis este vindeiro mércores e xoves e os días 15 e 17 de xuño co obxectivo de converterse nun espazo de intercambio de información, análise e debate de opinións e tamén de escoita das necesidades do sector e das súas perspectivas sobre a reactivación turística da provincia. Con esta iniciativa, a Deputación pretende facilitar ademais a adaptación con garantías a todo o que esixe a nova normalidade na actividade hostaleira e turística e compartir a visión dos retos e oportunidades que ofrece o novo escenario para o sector.

Nestes foros virtuais do turismo reuniranse representantes dunha vintena de asociacións de profesionais e de empresas, da sociedade civil, de entidades que traballan polo desenvolvemento do sector e de organismos oficiais con competencias no turismo.

As xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo son unha das accións da campaña EN LUGO, SI que promove a institución provincial para impulsar o tecido económico provincial na desescalada. Pretenden contribuír a incorporar ferramentas e dinámicas que sirvan para reforzar os valores e fortalezas da provincia de Lugo como destino turístico e para afrontar con garantías a chegada de visitantes neste verán.

Participantes
Os  foros de turismo online comezan ás 11:00 horas e contan coa participación da Deputada de Turismo, Pilar García Porto.

O mércores 10 de xuño, no diálogo con representantes de colectivos empresariais  intervirán as asociacións galegas de Albergues Privados -AGALBER-, de Axencias de Viaxes – AGAVI-, de Empresas de Turismo Activo e de Natureza – AGETAN-, xunto ás asociacións provinciais de Empresarios de Hostalería de Lugo –APEHL-, e de Guías de Turismo de Galicia -APIT GALICIA-.

O xoves 11 de xuño, no diálogo con representantes de institucións, entes de xestión e promoción e sociedade civil intervirán a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, Francisco Cajoto, a delegada da S.A. do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, o presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela, e o presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López Vázquez.

O luns 15 de xuño, noutro diálogo con colectivos empresariais participarán representantes da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia -AVITURGA-, Asociación de Balnearios de Galicia, Federación Galega de Comercio, Federación Galega de Turismo Rural e Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia -PROTURGA-.

O mércores 17 de xuño, no debate Traballando por unha hostalería segura intervirán representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo -APEHL, Hostalería de España e da Horeca Data e Proyecto Hostelería Segura.