Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

Arrinca a execución do novo complexo Fluvial de Friol

Por 12 Xuño, 2020Sin comentarios

Arrinca a execución do proxecto do novo complexo Fluvial de Friol, cun investimento de 750.000 euros.

A execución das obras estaba previsto que comezasen ao finalizar a época estival do presente verán, pero dada a situación actual, e as medidas sanitarias decidiuse non abrir ao público ditas instalacións este verán como medida de prevención, por iso é polo que se axilizou ao máximo por parte da Consellería o comezo das devanditas obras. 

As obras consistirán nunha renovación integral do edificio central e das duas piscinas exteriores, unha de adultos e outra infantil, coas que conta este recinto. Ademais, tamén se urbanizará parte da contorna desta praia fluvial, situada nunha das marxes do río Narla.

O alcalde, José Ángel Santos destacou a necesidade de levar a cabo esta obra, “porque as actuais instalacións tiñan máis de 40 anos e estaban xa moi obsoletas”. Ademais, o rexedor mostrou a súa confianza en que os traballos estean xa totalmente finalizados o 1 de xullo, coincidindo co inicio da próxima tempada de verán de 2021. 

Este recinto conta con máis de 40 anos de vida, polo que tanto o edificio central que alberga bar e restaurante, como as piscinas presentaban deficiencias en canto a seguridade e filtracións de humidades. É por este motivo, que o Concello viña demandando desde facía tempo unha renovación integral de todo o complexo que, en todo caso, non será ampliado ao situarse nunha área protexida pola Confederación Hidrográfica. 

A Consellería de Medio Ambiente colabora co Concello de Friol no financiamento co fin de acometer este proxecto, un dos máis importantes que están en marcha nestes momentos no municipio. Así o acordaron a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde José Ángel Santos coa firma dun acordo de cooperación en virtude do cal a Xunta se compromete a asumir o 70% do custo da actuación e o Concello para achegar o 30% restante. Concretamente, a Consellería investirá 523.081,84 euros en 2020 e a administración local outros 224.259,77 euros. 

O alcalde, móstrase satisfeito e agradecido pola implicación da Xunta de Galicia, especialmente co presidente Núñez Feijóo, dado que desde o primeiro momento que se lle propuxo este proxecto, a implicación persoal do Presidente, foi vital para que estas novas e modernas instalacións sexan unha realidade e a poboación de Friol poida facer uso delas e gozar da contorna onde están situadas.