Skip to main content
Actualidade

O IES Castro da Uz suma a nova FP dual de soldadura e caldeiraría

Por 22 Xuño, 2020Sin comentarios

As Pontes contará o próximo curso co grado medio dual de soldadura e caldeiraría, unha ensinanza demandada polo Concello das Pontes, o IES Plurilingüe Castro da Uz, así como a Asociación de Empresarios e Usuarios de Suelo Industrial de As Pontes (Seara) e as empresas Estructuras Metálicas del Norte Siglo XXI S.L., Fitter Montajes Estructurales S.L., Acebrón Calderería S.L., Metalúrgica Pontesa S.L. e Prometal Tecnología e Innovación S.L

Tania Pardo, responsable da área de educación do Concello das Pontes sinala que “se trata dunha moi boa noticia para o noso municipio e responde á demanda que lle trasladamos no mes de xaneiro á Consellería de Educación para amosar o seu compromiso co futuro do noso municipio”.

A concelleira tamén indica que esta nova oferta formativa permitirá dar responsa aos intereses dos veciños e veciñas das Pontes, “formando profesionais no ámbito da soldadura e caldeirería, a través de formación teórica e práctica, que permita atender ás demandas dun tecido empresarial que solicita man de obra cualificada para vacantes de difícil cobertura».

Entendendo a importancia da ampliación da oferta educativa no municipio, o Concello das Pontes, non tendo competencias no ámbito da formación regrada, o goberno local referenda o seu compromiso de dotar ao centro educativo Castro da Uz, das ferramentas técnicas e espazos precisos para a posta en marcha do ciclo formativo de soldadura e caldeiraría e a entremediar laboralmente co tecido empresarial e os demandantes de emprego así como a prestar asesoramento e orientación ao alumnado coa colaboración dos axentes sociais e económicos do municipio para garantir a boa marcha desta nova especialidade educativa.

Por outra banda, a concelleira tamén deu a coñecer que o centro educativa contará para o curso 2020-2021 cun ciclo de FP básica na especialidade de automoción, segundo avanzou a Consellería de Educación ao centro educativo.

“A ampliación e mellora da oferta educativa no municipio sempre é unha boa noticia e neste caso aínda o é máis, xa que este novo ciclo vai servir para mellorar a cualificación da veciñanza máis nova, mellorar as súas competencias profesionais, potenciando a súa incorporación laboral a un sector con ampla demanda na contorna” indicou Pardo.