Skip to main content
ActualidadeMeira

Meira mantén pechadas as instalacións municipais de ocio e suprime as celebracións anuais

Por 30 Xuño, 2020Sin comentarios

O Concello de Meira vén de facer público un decreto no que declara a suspensión de varios eventos previstos para este verán “tendo en conta a situación sanitaria actual”.

Deste xeito, este ano non haberá carreira popular, festa da malla, comida anual de maiores e a xira, todos eles eventos que tiñan que celebrarse nos meses de xullo e agosto. Do mesmo xeito, afirma que non promoverá as festas populares.

Así mesmo, o Concello decidiu manter pechadas as diferentes instalacións públicas municipais, como o campo de fútbol, a piscina, o parque infantil, o parque biosaudable e o pavillón polideportivo.

O Concello lembra no decreto que “a saúde é o primeiro e desde este Concello entendemos que é un aspecto da xestión que queremos garanteir e coidar, polo que rogamos a utilización de máscaras e que garden as distancias de seguridade”.

Como explica o Concelleiro de Cultura, Agustín Méndez, esta decisión foi tomada “pola dificultade que supón poder facer fronte a todos os medios persoais e materiais necesarios para garantir as medidas hixiénico-sanitarias.

Por outra banda, membros da organización das festas indicaron que este ano non haberá festas patronais debido á situación e a dificultade que expresa o mesmo decreto para manter a seguridade sanitaria. Así mesmo, non haberá carreira de carrilanas.

Pola súa banda, a oficina de turismo de Meira fe de facer público o seu horario de verán que cambia mañá día 1 de xullo. Estará aberta de martes a sábado de 10.00 a 13.30h e de 16.30 a 19.00h. e os domingos e festivos de 10.00 a 13.30h. pechando igualmente os luns (salvo festivo ou véspera de festivo).

Pola súa banda, a igrexa recupera as súas visitas guiadas que serán de martes a sábado ás 11.0, 12.30. 17.00 e 18.00 horas. Os domingos terán o mesmo horario só de mañá e os festivos serán ás 11.00 e ás 12.00 horas.

As visitas durarán 45 minutos.