Skip to main content
Actualidade

A Mariña segue sumando positivos en covid-19 que repercuten na gráfica galega

Por 30 Xuño, 2020Xullo 1st, 2020Sin comentarios

O Sergas comunicou hoxe que a provincia de Lugo conta con dous casos máis ca onte, alcanzando xa os 49 afectados en toda a provincia de Lugo, que deste xeito conta xa con 999 persoas en total no histórico de contaxios desta pandemia, dato que inclúe falecidos, curados e casos activos.

Segundo indican os responsables sanitarios, o número de falecidos non varía, seguen a ser 28 e mantéñense ingresadas dúas persoas, unha no hospital da Costa e outra en Lugo.

As novas altas, que en realidade son cinco en 24 horas, están condicionadas polo brote detectado na Mariña, que afecta a veciños de Xove, Foz e Burela principalmente e suman un total de 32.

As autoridades sanitarias están a realizar un importante seguemento do brote con numerosos controis a un numeroso grupos de mozos interrelacionados cos primeiros casos detectados. Unha das primeiras medidas postas en marcha foi a suspensión das verbenas e a apertura de locais de ocio nocturno, previsto para mañá, 1 de xullo.

Ata o momento rastrexáronse máis de 400 persoas relacionadas con este brote que, pasados os primeiros días, vinculouse con outros casos no norte da provincia. Dos casos positivos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve.

A nivel autonómico o Sergas informou que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 314, deles 70 son da área da Coruña, 49 da de Lugo, 21 da de Ourense, 10 da de Pontevedra, 129 da área de Vigo, 24 da de Santiago, e 11 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 4 están en unidades de hospitalización e 310 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.623 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

Tamén significa dous casos novos máis para Galicia. Mentres que tres áreas galegas ven aliviada a súa gráfica, a escalda de Lugo, xunto cun repunte puntual na área de Pontevedra, provocan que Galicia vexa aumentar o seu número total de casos activos por terceira xornada consecutiva.

ESPAÑA

O Ministerio de Sanidade notificou nove mortes con Covid-19 nas últimas 24 horas, de forma que se triplican os decesos notificados onte, 3. Así mesmo, na última semana faleceron 20 persoas, elevando a cifra total a 28.355. Por outra banda, o número de novos casos sitúase en 99, un lixeiro ascenso en comparación cos 84 deste luns. En España diagnosticáronse xa 249.271 positivos desde o inicio da pandemia. Un total de 982 persoas iniciaron síntomas do coronavirus nas dúas últimas semanas, 309 delas nos pasados sete días.

Igualmente, producíronse 153 hospitalizacións na última semana (125.183 en total) e once ingresos en Unidades de Coidados Intensivos (11.664 en total).

Os casos importados, aos que se asocian xa varios brotes activos de Covid-19 en España, segundo confirmou Sanidade, seguen no punto de mira ante a próxima apertura de fronteiras.