Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta cualifica de erro a decisión do Goberno de romper o pacto

Por 11 Xuño, 2020Xullo 3rd, 2020Sin comentarios

A través dunha rolda de prensa pública, Vilalba Aberta deu conta diante de veciñanza da súa versión ao respecto da ruptura do acordo de goberno rubricado hai aproximadamente un ano entre a formación asemblearia e a Agrupación Socialista local.

Arroupados por unha representación da asemblea e un nutrido grupo de veciñosas os dous membros do seu actual Grupo Municipal, María Xosé Fernández e o voceiro da formación e ata o día de onte concelleiro de goberno no Concello de Vilalba, Modesto Renda Santiso, lamentaron a “unilateral decisión da Alcaldía de prescindir de Modesto Renda”, que responde a un intento de por fin “ao protagonismo que Modesto Renda estaba a cobrar na xestión gubernamental” e que tivo un paso previo na tarde do domingo en forma de “intolerable intromisión na independencia política da asemblea” ofrecéndolle a alcaldesa á número 2 de Vilalba Aberta ocupar inxustificadamente o posto de Modesto Renda, coma obrigada condición para que a formación asemblearia seguira no Goberno.

A este respecto Fernández Pardo, que “dende o primeiro intre rexeitou tal ofrecemento”, remitiuse á asemblea da formación que, na tarde do martes e en base ao ratificado por unanimidade por todos os seus membros nunha concorrida convocatoria de urxencia, lle comunicou á Alcaldía que, “a pesares da gravidade da proposta e das importantes diferenzas políticas neste primeiro ano de goberno”, Vilalba Aberta non ía “traizoar a veciñanza que votou cambio rompendo o acordo que un ano antes se subscribira”, mais tampouco “aceptar que se apartara sen motivo xustificado” a un edil que, “dende o primeiro intre, traballou coma o que máis” no seno do goberno de coalición, “fuxindo sempre de polémicas estériles” e “dando a cara pola acción política dun goberno co que, en moitas ocasións estaba (e así o manifestaba nas escasas xuntanzas do mesmo) en total desacordo”, co fin de “manter a estabilidade municipal” e estar á altura do mandato da veciñanza”.

Ademais, María Xosé Fernández quixo por en valor o inxente traballo de Renda nas áreas de goberno xestionadas por Vilalba Aberta e a escrupulosa lealdade naquelas propostas que os veciños lle trasladaban día a día e que, correspondéndose con áreas xestionadas polo PSOE, eran inmediatamente trasladadas aos seus socios. “Se á parálise na acción de goberno e á incapacidade de tomar decisións lle sumamos que os que queren traballar non poden, a cuestión está meridianamente clara”.

Na mesma liña se manifestou o, ata o día de onte edil de Comercio e Turismo no Concello de Vilalba, Modesto Renda, quen lamentou a “respectable pero incomprensible decisión da Alcaldía”, en base á desilusión que está a xerar (e xerará) no conxunto da veciñanza que “votou cambio e entendemento entre diferentes” coma alternativa aos 40 anos de goberno do Partido Popular.

“O que acadamos ámbalas formacións políticas hai un ano foi un fito histórico” e moi pouca xente pode entender que, nun momento tan crítico económica e socialmente para a veciñanza, cun Concello paralizado, entre outras cousas, froito do continuado intento de invisibilizar o traballo e as propostas leais e en positivo de Vilalba Aberta naquelas áreas que non son da súa competencia; a agrupación socialista vexa a Modesto Renda e a Vilalba Aberta coma rivais políticos en lugar de coma aliados cos que poñer a funcionar dunha vez este Concello”

Neste senso, Renda fixo referencia aos continuados atrancos á hora de facer algo tan obvio á par que necesario coma xuntanzas de Goberno quincenais ou á negativa da Agrupación Socialista á celebración de comisións periódicas de valoración e seguimento do pacto. “Só Vilalba Aberta se creu realmente que isto era un Goberno de Coalición e así, obviamente, é absolutamente imposible traballar”

A este respecto, Renda fixo referencia á propostas que, dende a Concellería de Comercio este fixo no seno do Goberno de Coalición, tales coma unha traballada adaptación do Plan Reactiva que o PSOE lucense aprobou na capital e que contaba co visto bo dos servizos xurídicos do Concello, relativo á posta en marcha en Vilalba dun programa de axudas directas a autónomos e pemes vinculados á actividade comercial, hostaleira e de servizos; un amplo plan de axudas ao alugueiro de baixos comerciais ou unha proposta integral de reordenación da mobilidade urbana, co fin de favorecer a ampliación de terrazas ao tempo que a primacía dos dereitos dos peóns, como axuda ao sector hostaleiro no Concello.

O esquecemento das parroquias e incapacidade de dar solucións á transformación urbanística pendente, máis alá de “estudos sen concreción” e brindes ao sol ao respecto do PXOM, foron outros dos cabalos de batalla que o edil relatou na comparecencia.

Por ultimo, Renda puxo en valor á súa compañeira de Grupo e ao conxunto da asemblea da formación, remarcando que “Vilalba Aberta e máis concretamente María Xosé Fernández tivo que elixir entre o diñeiro e a dignidade, e elixiu dignidade” e, neste sentido, “nunca me sentín tan orgulloso de pertencer a esta formación e de ser compañeiro de María Xosé coma no día de hoxe”.

FUTURO

“Hai practicamente un ano, cando fixemos público un primeiro acordo programático de investidura Vilalba Aberta falaba de Programa, diálogo e responsabilidade, en base ao mandato de cambio e de entendemento entre diferentes que recibimos da veciñanza nas pasadas Eleccións Municipais. Unha idea, estou seguro, compartida por parte dunha veciñanza que nos quería compañeiros de goberno en lugar de rivais.” Argumentou Renda.

Na mesma liña, Fernández Pardo lembrou que “unilateralmente e sen máis que unha vaga explicación alguén elixiu a 2º opción. Para nós é unha mala, unha malísima noticia para o campo progresista, mais hoxe comezamos a construír con moitos/as (porque cada vez somos máis) unha alternativa na que día a día nos deixaremos a pel, agora dende a oposición e coa forza dos noso votos que son chave, en garantir unha administración municipal ao servizo do interese xeral da cidadanía, investindo os recursos de xeito equitativo entre os núcleos urbanos e as parroquias. Tamén para mellorar e transformar os servizos sociais, o medio ambiente, o urbanismo, o deporte, a cultura, a educación e a igualdade de oportunidade no acceso aos postos de traballo que xera o concello.

Para rematar, Renda agradeceu a presenza da veciñanza non sen antes remarcar que “ a pesares do acontecido, e da desilusión lóxica da xente, negámonos a crer que non existe máis alternativa que isto que temos agora ou a volta do Partido Popular. Porque continúa aberta unha greta que non podemos nin queremos desaproveitar. Porque se somos capaces de imaxinar outra Vilalba, teremos o poder de transformala”.

“Por nós, polos que nos precederon nese empeño e polos que se nos sumarán xeración tras xeración. Por que isto non o final de nada, se non o principio de todo.“ sentenciou entre aplausos.