Skip to main content
Actualidade

A Deputación defende un modelo público de residencias no Pleno

Por 1 Xullo, 2020Sin comentarios

A Deputación de Lugo aprobou no Pleno ordinario celebrado este martes, cos votos a favor do PSdeG e o BNG e a abstención do PP, unha proposta presentada polos socialistas na que defenden un modelo de xestión pública e de proximidade das residencias, como o implantado nos centros de maiores de titularidade da institución, “coa persoa no centro da atención”, subliñou o presidente, José Tomé Roca, fronte á aposta que fai o Partido Popular na Xunta polo “negocio”, un sistema que deixou “un legado cruel” e se demostrou que “fai augas por todos os lados” durante a pandemia da Covid-19.

Na moción do PSdeG, que foi aprobada no que foi o primeiro Pleno presencial da Deputación tras a finalización do Estado de Alarma, tamén se solicita que a Xunta reforce a sanidade pública, tanto de medios humanos como materiais, para afrontar con garantías un posible rebrote da pandemia.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, evidenciou con datos o modelo privatizador implantado pola Xunta no ámbito sociosanitario: por cada residencia pública hai catro privadas e, por cada 80 prazas privadas, só hai 20 públicas. O tempo de espera para obter unha praza de residencia é de 453 días, segundo o Consello de Contas”. “Pero incluso cando privatizan o fan mal, porque parten de custos asistenciais moi por debaixo da realidade, as ratios paciente/usuario é ridícula e prodúcese unha precarización salarial e da protección dos profesionais que traballan nas residencias”. “Para o PP, a atención aos maiores é outro sector económico máis, no que buscar o beneficio, atraer aos fondos de inversión e reducir os custos ofertando unha atención low cost”, engadiu, “un cóctel que desgraciadamente provocou que as residencias privadas concentraran o maior número de falecementos por Covid-19”.

Como exemplo do “estrepitoso fracaso” do sistema da Xunta, o deputado puxo a decisión de mandar a 200 quilómetros do seu concello, ao Carballiño, a cinco maiores usuarios das vivendas comunitarias pechadas na Fonsagrada, cando o presidente, José Tomé Roca, lles ofrecera colaboración para cumprir o desexo das familias e levalos ao centro público que a institución provincial ten neste concello.

As medidas estrela de Feijóo no eido das residencias e sociosanitario foron, segundo destacou Pablo Rivera, facer test do coronavirus ás residencias privadas antes que nas da Deputación; enviar respiradores a Ayuso; o bono da vergoña de 250€ para o persoal sociosanitario e, a última, de onte mesmo, converter as residencias en locais electorais. Para isto é para o único que lles preocupan os maiores”.

Solución para Alcoa
O Pleno, cos votos a favor do PSdeG e do BNG e a abstención do PP, aprobou reclamar ao Estado e á Xunta que exerzan as accións necesarias para intervir Alcoa co fin de manter a actividade industrial da planta e os seus postos de traballo. Esta proposta foi lanzada polo propio presidente da Deputación o mesmo día no que a empresa anunciou o despido colectivo.

“Nos témolo claro dende o primeiro momento. Nós estamos cos traballadores e traballadoras de Alcoa. Aquí quen estivo xogando con todos foi a empresa e a Xunta de Galicia, porque non hai que esquecer que o Estatuto de Autonomía, no seu articulo 30, di que as competencias de industria exclusivas son da Xunta, salvo determinadas cuestións que son de ámbito estatal”, asegurou o Tomé.

“O señor Feijóo fixo múltiples visitas a Alcoa, sempre con titulares pactados coa empresa, para crear alarma, para prexudicar ao Goberno do  Estado. E agora resulta que nos vén a dicir que, se gana o día 12, ao día seguinte resolve o problema de Alcoa. Iso é chamarlles tontos aos cidadáns, porque o día 13 vai ter as mesmas competencias que ten hoxe. E se xa tiña esas competencias, porque non fixo nada antes? Como deixa que isto chegue a esta situación? Por tanto, non lle vamos a comprar esa mensaxe e vamos a dicirlle  ao señor Feijóo que se poña as pilas e, igual que si axuda a Citröen, que me parece moi ben, tamén pode axudar a Alcoa. Non pode ir presentando mocións polos concellos nas que a única esixencia que pon o Partido Popular a Xunta é que sexa leal. Iso é o mínimo que se lle espera a un Goberno como é o da Xunta de Galicia, que ademais representa ao Estado na nosa comunidade autónoma”, argumentou José Tomé.

Pola súa banda, a deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, encargada de defender a moción sobre Alcoa, indicou que o grupo provincial socialista “segue na mesma liña de esixir unha solución das dúas administracións coas competencias: a Xunta, en materia de industria, pois o Estatuto de Autonomía establece que é a súa competencia exclusiva, e ao Goberno central, en materia de enerxía”.

Fronte ás medidas aprobadas e propostas feitas polo Executivo do Estado para manter a actividade industrial e os empregos de Alcoa, a Xunta “presenta unha folla en branco en industria nos máis de 11 anos de Goberno do PP”, afirmou Loureiro.

O líder dos populares, Castiñeira, amosou na sesión plenaria “a preocupación” dos populares ante a situación de Alcoa. Recordou que “xa anticipabamos na sesión plenaria anterior que habería problemas e volvemos a vir a outro pleno, un mes despois, sen ter un estatuto electrointensivo -que leva dous anos de retraso- que é o que realmente importa e serviría para garantir a competitividade da fábrica e a súa continuidade na Mariña”

En relación á moción presentada polo BNG, o voceiro sinalou que se trata dunha “iniciativa oportunista”. Dixo: “Non hai máis debate que non sexa o da aprobación do estatuto. A nacionalización da planta de Alcoa e a tarifa galega son fogos de artificio”, defendeu Castiñeira.

Plan de reactivación do sector audiovisual
O Goberno da Deputación sacou adiante, cos votos en contra do PP, a súa proposta de reclamar á Xunta un plan de reactivación específico do audiovisual para paliar os efectos da crise sanitaria neste sector, que ten unha gran capacidade de xerar riqueza e emprego e de promocionar a imaxe de Galicia, ademais de enriquecer a cultura, e que antes da pandemia vivía unha puxanza inédita, singularmente na provincia de Lugo co fitos como os acadados polos irmáns Coira coa serie Hierro, por Oliver Laxe con O que Arde ou pola produtora CTV con O Sabor das Margaridas, a primeira serie en galego que chega a Netflix e que ten Lugo como escenario da súa segunda tempada.

Tal e como explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, este plan de reactivación do audiovisual debe incluír medidas formuladas polo sector, como a creación de axudas para compensar as perdas xeradas pola interrupción das rodaxes en marcha, para aquelas producións xa rematadas que viron interrompida a súa distribución debido á Covid-19 e para afrontar o aumento dos costes derivados da implantación das novas medidas de seguridade hixiénico sanitarias, así como a creación dunha Film Comission Galega que impulse accións que consoliden a Galicia como un estudio de gravación de rodaxe e con capacidade de atraer proxectos internacionais. Este organismo debe contar coa presenza das asociacións profesionais e tamén dos concellos, pois son os que acollen as rodaxes.

Con esta reivindicación, o Goberno da Deputación apoia as demandas formuladas polas asociacións profesionais do audiovisual e comparte o seu rexeitamento practicamente unánime ao plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19 presentado pola Xunta de Galicia, pois, como aseguran os propios colectivos, non recolle ningunha das medidas que propuxeron, presenta como novidades liñas de subvención xa existentes e demostra un descoñecemento das cifras reais do sector audiovisual galego.

Xunto a un plan de reactivación do audiovisual, o Executivo provincial tamén demanda á Xunta na súa proposta plans específicos para o impulso do turismo e da cultura que teñan en conta as particularidades destes sectores, xa que o plan anunciado polo Goberno galego, subliñou García Porto, “é un totum revolutum do que, ao final, pouco se pode sacar fóra da súa aposta polo Xacobeo como solución máxica e case que única dos problemas de Galicia”.

Compromiso cos obxectivos da Axenda 2030
Por iniciativa do Goberno e dentro do seu compromiso co medio ambiente e a sostibilidade, a Corporación provincial aprobou por unanimidade no Pleno de hoxe a adhesión da Deputación de Lugo á Rede de Entidades Locais da FEMP para promover a implantación na provincia dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, traducindo unha axenda universal e ampla coma esta en políticas públicas concretas e tanxibles.

A Rede de Entidades Locais da Federación Española de Municipios e Provincia é un instrumento dirixido a favorecer a coordinación de actuacións entre os gobernos locais para a aplicación da Axenda 2030 en municipios e provincias e, neste sentido, ofrecerlles ferramentas para alcanzar estes obxectivos. Ademais, aportará pautas, información e propostas de actuacións para facer fronte á crise provocada polo coronavirus, tendo moi presente unhas das principais premisas da Axenda 2030: non deixar a ninguén atrás.

Actas dixitais do Pleno
Por outra banda, o Pleno, a proposta da Secretaría Xeral da Deputación, aprobou a modificación do Regulamento Orgánico da institución co fin de adaptalo á próxima implantación dun sistema de dixitalización das actas dos plenos. Trátase dunha aplicación denominada Vídeo Actas, que grava as sesións plenarias e permite arquivar esas gravacións como actas oficiais.

Con este sistema tecnolóxico, a Deputación dá un paso importante cara a Administración electrónica e supoñerá unha mellora moi importante na eficiencia do servizo de Actas, pois a día de hoxe a transcrición dos plenos faise á man, o que supón un labor complexo que esixe moitas horas de traballo. Con esta ferramenta, as sesión plenarias quedarán automaticamente rexistradas en vídeo, que terá validez como acta.

Ademais, este sistema supoñerá unha mellora da transparencia e da accesibilidade, pois a cidadanía poderá visualizar o contido íntegro de calquera dos plenos dende a páxina web da Deputación, podendo acceder de maneira rápida e sinxela a calquera intervención realizada polos membros da Corporación.

Orzamentos
O Grupo Provincial do PP cre que “as correccións, modificacións, alegación e novas redaccións do proxecto de orzamentos son un reflexo dun mal plantexamento, dunha escasa previsión e dunha nula coordinación propia dos bipartitos de esquerdas”. Así o indicou o deputado popular Óscar Poy en relación a unha nova alegación presentada á modificación do Orzamento da Deputación 2020, vía suplemento de crédito, na sesión plenaria da Deputación Provincial celebrada este martes. Os populares insisten en que “o Goberno provincial sempre ten rectificarse a si mesmo e sempre chega tarde”.

Poy sinalou que “o Goberno provincial elevaron ao pleno no seu momento un proxecto de orzamento e logo unha modificación do proxecto vía suplemento de crédito”. Engade tamén o popular que “o 19 de xuño presenta unha alegación á modificación do proxecto de orzamentos e onte mesmo presentan unha nova redacción da alegación da modificación do proxecto de orzamentos”.

O popular cre que “ningunha das partidas modificadas parece estar pensada para afrontar a realidade da covid-19”, unha situación de emerxencia á que as institucións públicas si deben facer fronte cos medios ao seu alcance. “É un pouco ilóxico facer crer que as reformas no Pazo teñen que ver coa covid-19”; polo que Óscar Poy considera que “se deben, máis ben, ao pésimo mantemento das instalacións deportivas”.