Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

A Marea Galeguista esixen valorar aos pequenos produtores na súa campaña pola Terra Chá

Por 7 Xullo, 2020Sin comentarios

O cabeza de lista por Lugo, Iván Rodríguez Lombardero, acompañado por integrantes da candidatura da Marea Galeguista por Lugo, visitaron varias explotacións gandeiras da terra Cha nas que escoitaron de primeira man as problemáticas que nestes momentos afrontan os produtores, “en relación aos prezos e aos escasos marxes no produto comercializado”, segundo indican, e nas que puxeron en valor aos pequenos produtores, como exemplo de traballo pola preservación do territorio da desfeita ecolóxica.

Amosaron dende a candidatura a súa preocupación ao comprobar, en varias explotacións, como “cultivos de millo recentemente sementado foron case arrasados polo xabarín, e tiveron que ser repostos, sen unha certeza de que non volvan correr outra vez esa mesma sorte”.

Para a Marea Galeguista, “os afectados deben ser indemnizados nestes casos polo valor real das súas perdas e non só polos importes que agora se lles recoñecen, incluso con dificultades ás veces para acreditar a propiedade do cultivo, debido ao noso sistema tradicional de propiedade”.

A Marea Galeguista ve necesario afrontar a futuro o problema da superpoboación de xabarís, por causar “un desequilibrio ecolóxico e un grave problema que se manifesta noutros ámbitos como é o do tráfico rodado, causando accidentes de relevancia”.

Durante as visitas, conversaron tamén con produtores e representantes de cooperativas do sector, que lles fixeron saber das súas reivindicacións polo cartel do leite. A Marea Galeguista amosou o seu apoio aos produtores, apostando por “reforzar os controis sobre prácticas comerciais abusivas así como a presenza directa e con voz dos produtores nas institucións en todo aquilo que lles afecte directamente”.