Skip to main content
Actualidade

Lugo suma quince casos de coronavirus máis que onte

Por 8 Xullo, 2020Sin comentarios

A provincia chega hoxe ata os 166 casos, quince máis que onte, acusando a subida provocada polo brote na Mariña luguesa. Así mesmo, o número de persoas ingresadas en hospitais xa é de seis, mentres que onte eran 4. Cinco dos hospitalizados están na Mariña mentres en Lugo continúa a mesma persoa que en días pasados.

Ademais, segue estable o número de falecidos, en 28, e hai 932 altas e un total de 1.126 casos no acumulado histórico. A zona sur da provincia segue sen afectados.

Mentres tanto, o brote da Mariña acada hoxe (con datos ata o mediodía de hoxe, na provincia son do día de onte) o total de 144 casos activos, 23 positivos máis nas últimas 24 horas. Este aumento foi debido ao elevado número de probas realizadas onte na Mariña, un total de 283, onde aparecen eses casos positivos, casos non detectados antes ao ser na maior parte dos casos asintomáticos ou con síntomas moi leves.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que debido á concentración de casos nos concellos de Burela, Foz e Xove, estuda a posibilidade abrir o resto para a libre circulación de persoas. Pero as críticas non faltan e son moitas as voces as que piden que se suspendan as eleccións, polo menos nesa zona e acusan á Xunta de “esconder os datos”.

Duras foron tamén as palabras da Plataforma Sanitaria que pide “protección para todos”. Asegura “teríamos que falar dunha transmisión conmunitaria e non dun brote como nos queren facer crer”. Seguen demandando máis persoal para reforzar a atención sanitaria na comarca e afirma do escaso seguemento que se está a facer coas persoas illadas con PCR positivo.

En Galicia, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus é de 245 (onte eran 254). Deles 25 son da área da Coruña, 166 da de Lugo, 2 da de Ourense, 3 da de Pontevedra, 34 da área de Vigo, 13 da de Santiago, e 2 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 7 están en unidades de hospitalización e 238 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.844 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.