Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Abre o prazo para solicitar as axudas para viveiros e agricultores afectados polo covid-19

Por 13 Xullo, 2020Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería do Medio Rural que establece as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal aos viveiros ou explotacións agrícolas afectados por organismos de corentena. O orzamento dispoñible para estas achegas é de 65.000 euros.

En concreto, poderán solicitar estas subvencións tanto as persoas físicas e xurídicas como as entidades sen personalidade xurídica cuxos produtos vexetais fosen afectados polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude da declaración dunha praga pola autoridade competente, orixinada polo desenvolvemento dun programa oficial de erradicación dalgún dos organismos de corentena determinados na orde.

Así, poderán solicitar fondos os produtores afectados por estes 4 organismos en concreto: o fusarium circinatum, fungo que afecta o piñeiro; a thekopsora minima, outro fungo que, neste caso, ataca as plantas de arandos; o psílido africano, que afecta os cítricos e, por último, os que se visen prexudicados pola couza guatemalteca da pataca.

As subvencións están destinadas a financiar procesos de destrución, desinfección, esterilización ou calquera outro tratamento aplicado oficialmente a vexetais contaminados, a substratos de cultivo e terreos recoñecidos como contaminados ou a materiais de produción, acondicionamento, embalaxe ou almacenamento, así como a medios de transporte que estiveran en contacto con ditos vexetais. Tamén se poderán sufragar as inspeccións ou probas efectuadas oficialmente ou por mor dunha petición oficial, para verificar a presenza ou o grao de contaminación por parte dun dos organismos nocivos contemplados. O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses a contar desde mañá, día seguinte á publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.