Skip to main content
Actualidade

Controlada a situación de contaxios de covid-19 en Vilalba e A Mariña

Por 20 Xullo, 2020Sin comentarios

Nas últimas horas reduciuse noutros 26 o número de casos activos relacionados co brote de covid-19 que afecta ao distrito sanitario da Mariña. Das 32 PCR realizadas nesta última xornada, tres resultaron positivas. A maiores, nas últimas horas, outras 29 persoas positivas en covid-19 foron dadas de alta tras curarse e superar a enfermidade, o que deixa o número de casos activos en 86, é dicir, 26 menos ca onte.

Das 32 PCR realizadas nas últimas horas a persoas relacionadas con este brote, tres arroxaron resultado positivo, todos relacionados co brote detectado en Burela.

Dos 86 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Catro persoas con covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. En seguimento no seu domicilio hai 407 persoas, 17 menos ca onte.

Do 86 casos activos, 53 están en Burela, que segundo indicou o alcalde, permanecerá polo menos ata o domingo, á espera da decisión do comité sanitario.

O primeiro caso de infección por covid-19 no brote da Mariña detectouse o martes 23 de xuño ata chegar a alcanzar os 200 casos activos.

Na área sanitaria de Lugo a situación é distinta á da Mariña, quizais porque levan unha contabilidade en espazos de tempo diferente. Deste xeito, o descenso de casos só é de tres menos que o domingo deixando o número total de casos activos en 136.

Desde o inicio da alerta superaron o virus 1.069 persoas na provincia —seis máis das contabilizadas o domingo— e faleceron 28 pacientes.

Polo de pronto o Sergas informou que en Vilalba-Xermade non hai casos novos e seguen sendo 6, todos vinculados da mesma familia.

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 202, cinco menos que o domingo deles 27 son da área da Coruña, 136 da de Lugo, 5 da de Ourense, 9 da de Pontevedra, 17 da área de Vigo, 8 da de Santiago, e ningún da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 7 están en unidades de hospitalización e 195 no domicilio, non habendo ningún en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.082 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.