Skip to main content
ActualidadeCospeito

Moexmu, Concello de Cospeito e USC renova o seu convenio de colaboración

Por 23 Xullo, 2020Sin comentarios

A USC estende e reforza as diversas liñas de colaboración que mantén desde unha década co Concello de Cospeito e nomeadamente coa Asociación de Empresarios de Muimenta en eras a contribuír e favorecer o desenvolvemento socieconómico sostible deste municipio chairego e, en consecuencia, a mellora do grao de benestar da súa veciñanza.

A recepción ofrecida este mércores pola vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, ao rexedor do Concello de Cospeito, Armando Castosa, e ao coordinador da Mosta Exposición Muimenta (Moexmu), José Manuel Rus, en representación do dinámico e heteroxéneo tecido empresarial desta localidade chairega, serviu para facer visible e, no seu caso, para revitalizar as sinerxías que manteñen as tres entidades desde 2010, unha cooperación que se materializa especialmente no ámbito agrogandeiro, pero tamén noutras actuacións relacionadas cos eidos medioambiental, cultural e do patrimonio.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, salientou na súa intervención as estreitas ligazóns que existen entre as actividades produtivas e económicas do Concello de Cospeito, e por extensión, de toda a Terra Chá, e o labor académico e científico que desenvolve a USC no seu campus de Lugo, unha sede universitaria orientada aínda máis se cabe cara ao aproveitamento e a valorización dos recursos que ofrece a terra e o territorio, a través do proxecto de especialización Campus Terra, que, entre outros parámetros, caracterízase pola súa aposta pola sustentabilidade medioambiental, económica e cultural.

Valcárcel aproveitou este acto público, que tivo que adiarse varios meses por mor do confinamento provocado pola pandemia da COVID-19, para destacar a ampla coincidencia de intereses e inquedanzas entre o Campus de Lugo e a comarca chairega, “dúas realidades moi pegadas á terra e ao territorio, así como aos sectores produtivos primarios ligados á agricultura, gandería e ao sector forestal”. Daquela, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo animou á mocidade chairega a orientar o seu futuro universitario cara ao Campus Terra, porque “seguro que lles ofrece a posibilidade de dar continuidade aos proxectos familiares ou, no seu caso, abre camiños para iniciar novos retos nos diversos ámbitos do coñecemento”.

A USC seguirá a estar presente no futuro tanto na Mostra Exposición Muimenta (Moexmu) como no seu concurso de gando frisón, dous certames fondamente arraigados nunha provincia cun marcado perfil agrícola, gandeiro e forestal, ámbitos nos que tanto a Facultade de Veterinaria como a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo gozan de recoñecido prestixio internacional, avanzou Valcárcel Armesto, quen tamén remarcou a importancia de transmitir as tradicións culturais de xeración en xeración a través de eventos de impacto económico e social como o é a Festa da Filloa.

O alcalde do Concello de Cospeito, Armando Castosa, manifestou o seu agradecemento pola colaboración recibida da USC, “un respaldo institucional moi importante para nós, que permitiu desenvolver múltiples accións e actividades e que que agardamos poida ter continuidade no tempo cando menos outros dez anos máis”.