Skip to main content
ActualidadeVilalba

Candia visita á queixería Daniberto de Vilalba nesta campaña

Por 2 Xullo, 2020Sin comentarios

A cabeza de lista do PPdeG pola provincia de Lugo ás eleccións do vindeiro domingo 12 de xullo, Elena Candia, participou este mércores nunha visita á queixería Daniberto da DOP Queixo San Simón da Costa na parroquia homónima do municipio de Vilalba, xunto á vilalbesa e tamén candidata Sandra Vázquez para trasladar o seu apoio aos emprendedores do rural lucense.

Candia destacou que “a nosa provincia é rica en produtos agroalimentarios de calidade” e puxo en valor que “detrás destes produtos hai moitos casos exitosos de emprendemento que se deben ao talento dos lucenses e á capacidade de traballo diario de moitas persoas que poñen o seu gran de area para dotar de valor engadido aos produtos do noso rural que, neste caso, están unidos á tradición na elaboración do queixo San Simón da Costa amparado pola DOP”.

A candidata popular ao Parlamento galego pola provincia de Lugo destacou “os numerosos casos de éxito de emprendemento dende o rural” desbotando “as críticas, moitas veces despiadadas, que recibe o Goberno de Feijóo sobre o seu apoio ao rural” porque “constitúen críticas ao talento e ao emprego xerado no rural”.

Candia explicou, nesa liña, que o Goberno de Feijóo leva dez anos apoiando a posta en marcha, ampliación e modernización de empresas transformadoras dos produtos do agro galego” e avanzou que “seguirá estando do lado dos profesionais do rural”. En especial, dixo, “dos que apostan pola transformación de cara á posta en valor dos recursos propios da zona amparados por unha Denominación de Orixe Protexida coma a dos queixos de San Simón da Costa”.

A popular engadiu que “o sector agroalimentario é un elemento clave para a dinamización e creación de emprego”. Así, entende que “no futuro os esforzos deben centrarse na consolidación do tecido empresarial implantado arredor dos produtos agrarios, apostando pola súa variedade e calidade”.

MEDIDAS DE APOIO Á COMERCIALIZACIÓN POST-COVID
“A situación de emerxencia sanitaria pola covid-19 ten, como todos sabemos, consecuencias socio-económicas en tódolos sectores”, dixo Candia. Tendo en conta esta situación que afecta ás empresas do sector, e dando continuidade ás medidas adoptadas no plan de reactivación post-covid, o Goberno de Feijóo pretende dar un pulo ás medidas relacionadas coa comercialización dos produtos agroalimentario. Para iso pretende apoiar os investimentos de transformación e comercialización; así coma avanzar nos procesos de desenvolvemento das IXPs “Pan Galego” e “Vaca galega/ boi galego” e na creación dunha figura de diferenciación do aceite galego.

“O PPdeG dende o Goberno da Xunta abordará, ademais, a tramitación dunha nova Lei de Calidade Alimentaria para dar cobertura ao gran crecemento no sector galego e reforzar o sistema de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas”, engadiu.

GALICIA CALIDADE
Candia explicou tamén que “o PPdeG se compromete a reforzar, xunto aos Consellos Reguladores, o selo Galicia Calidade para aqueles produtos e servizos de calidade contrastada e con orixe galega co obxectivo de mellorar a súa competitividade nos mercados internacionais. Galicia Calidade funcionará como marca paraugas de todos os produtos que reflexan a excelencia do sector primario galego”.

QUEIXERÍA DANIBERTO
Daniberto é unha empresa familiar que pasou da elaboración artesanal dos queixos a producir 12.000 quilos de queixo ao mes dos que só o 20% procede do leite das vacas da súa explotación. Por mor da covid-19 a súa produción reduciuse ata a súa terceira parte tras acumular existencias previstas para distribuír nas grandes feiras a nivel nacional e debido á prohibición da celebración dos mercados tradicionais onde esta firma conta con moitos clientes. O responsable da firma vilalbesa agarda aumentar ao longo deste ano a súa produción ata a metade do volume de produción do ano 2019.

Esta queixería, que elabora cinco variedades de queixo, é unha das moitas empresas agroalimentarias galegas que se lanzou á venda online ao estrear web e tenda virtual actualizada operativa dende o mes de marzo.