Skip to main content
ActualidadeVilalba

Os socialistas insisten na necesidade das axudas para superar a crise

Por 7 Xullo, 2020Sin comentarios

O candidato ás eleccións autonómicas, Luis Álvarez dixo hoxe “que o 12X temos que construír un tempo novo, que faga unha aposta clara pola educación pública, a sanidade e a atención aos maiores combinada, cunha política económica e de vertebración do territorio que poña a prioridade nas persoas. O 12X Galicia debe ter un goberno de progreso que tome medidas para non deixar a ninguén atrás. Porque desta crise, ou saímos todos, ou non saímos ben”, resumiu.

Así o dixo tras realizar unha visita á Queixería Fontelas en Vilalba, acompañado da candidata da Comarca Marta Rouco, o deputado no Congreso, Javier Cerqueiro e a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro. “Esta pequena queixeria de Vilalba é o exemplo de que que hai apostar polo noso sector primario, creando emprego, reivindicando os nosos produtos con denominación de orixe e impulsando a económia da comarca”, relatou.

Nesa liña o candidato socialista lembrou tamén que o Goberno de Pedro Sánchez atendeu unha das grandes reivindicacións do sector gandeiro e dos sindicatos agrarios galegos e lucenses sobre a procedencia no etiquetado do leite e os seus derivados. Sinalou que é “unha medida fundamental para o sector lácteo galego e para os gandeiros da nosa provincia que contribúe a por en valor os nosos produtos, tanto o leite como os seus derivados, ao axudar a que os consumidores estean debidamente informados da procedencia dos produtos que adquiren”.

Tamén aludiu a unha das medidas económicas para o sector do Executivo Central trala pandemia. “Fíxose unha redución de cotizacións para determinados traballadores agrarios durante os períodos de inactividade neste 2020 e simplificamos o procedemento para o adiamento de débeda da Seguridade Social”.

Álvarez remarcou a importancia das medidas tomadas polo goberno de España para que a crise sanitaria non se convertera nunha fonda crise económica e social. “O Goberno de Feijóo non estivo á altura desta crise, houbo unha mobilización insuficiente dos seus recursos, e quero destacar ademais a aposta que se fixeron noutras comunidades, como Valencia ou Asturias, onde se consignaron axudas directas para autónomos fronte aos cero euros de Feijóo en Galicia”, replicou.