Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta pedirá no Pleno investir nas parroquias os fondos do canon eólico

Por 19 Xullo, 2020Sin comentarios

Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno Ordinario que a aplicación orzamentaria do Fondo de Compensación Ambiental – que financia o Canon Eólico – reverta directamente nas parroquias, a partires da vindeira anualidade. Unha proposta, que dende a formación definiron como “prioritaria”, “de xustiza” e de “consenso”, con vistas ao que resta de lexislatura 2019/23” e que tal e como lembraron na presentación, “figuraba no acordo de mínimos entre PSOE e Vilalba Aberta”, sen que “nin moito menos fora respectado por parte da Concellería de Infraestruturas no contexto do Goberno de Coalición.”

Os fondos (195.609,37€ na orde de decembro de 2019) transferidos pola Xunta aos municipios en función da cantidade de aeroxeradores instalados no seu territorio e da lonxitude das liñas de evacuación da enerxía xerada nos parques; permitirían así que as 29 parroquias de Vilalba puideran verse beneficiadas de importantes actuacións de competencia municipal, tales como a necesaria rexeneración e mellora de pistas; o acondicionamento dos accesos; o abastecemento de auga e a renovación das súas redes de distribución; a adquisición de maquinaria destinada ao mantemento e á roza; así como a melloras no conxunto do sistema de alumeado público e da xestión de residuos, entre outros.

Nesta liña se pronunciou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, explicando que o decreto do canon eólico especifica que os fondos financiados deben reverter en “actuacións de conservación e mellora ambiental”, particularidade pola cal, dende Vilalba Aberta, se incide na idea de priorizar aquelas actuacións que teñan por obxecto unha “mellora das múltiples pistas e camiños da extensa rede viaria de titularidade municipal, orzamentando a atención inmediata aos casos máis urxentes e complementando, se fora preciso, a reivindicada aplicación orzamentaria con fondos propios dispoñibles, co fin de solucionar a situación ata onde sexa posible, dándose preferencia sempre ás vías en peor estado.”

A este respecto, e tal e como lembrou Renda, dende Vilalba Aberta, instarán tamén ao Goberno en minoría do PSOE en Vilalba, á “inmediata redacción dun Plan Municipal de Ordenación das actuacións sobre os diferentes camiños e pistas”, co fin de superar a “ineficaz política de rebacheo”, pola vía do establecemento de criterios obxectivos que veñan a regular e organizar o conxunto de actuacións reivindicadas.

Unha argumentación compartida pola súa compañeira de grupo e concelleira de Vilalba Aberta, Mº Xosé Fernández, que, acerca dos criterios de investimento destes fondos, lembrou que sempre deberan responder á filosofía que inspira o decreto do canon, e que insta a “mellorar as zonas nas que se sitúan os parques eólicos, así como as localizacións que ven afectadas polo traballo diario das compañías que se ocupan do seu funcionamento, vixilancia e conservación.” É por isto que, ao tempo que lamentou que os fondos relativos á presente anualidade se destinaran “unha vez máis” a unha actuación urbanística no seno do casco urbano; reivindicou a importancia dunha iniciativa “encamiñada a comezar a poñermos fin a décadas de políticas de reparto de fondos desiguais para o rural”, pola vía de convencer aos demais grupos con representación na corporación “da importancia estratéxica dunhas parroquias, que deben volver a ser o eixo económico e fundamental sobre o que se vertebre o noso Concello”, sentenciou.