Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

A vila romana de Coea

Por 6 Agosto, 2020Sin comentarios

Por Miriam Fernández

A principios do mes de xullo un importante achádego arqueolóxico veu a luz na parroquia de Coea, Castro de Rei, concretamente no lugar de Escouredos, unha interesante nova que permitiu ós historiadores seguir recollendo datos significativos para tratar de completar a historia e os coñecementos en canto ó prolífico patrimonio cultural deste concello.

Estamos a falar do descubrimento dos restos dunha vila romana, os cales viron a luz no contexto das obras para a instalación dunha torreta eléctrica de apoio no tendido que evacúa a enerxía do parque eólico de Corvelle cara a subestación eléctrica de Ludrio. O terreo no que apareceu a vila sitúanse a medio kilómetro das casas do barrio, próximo ó río Azúmara e destinado actualmente á produción de forraxe, nunha pequena elevación que de seguro se aproveitou para o  posicionamento da facenda dentro do seu dominio territorial.

Aínda que o acontecemento foi sorprendente para todos, algúns achádegos fortuítos previos (fragmentos de columnas, unha pía pétrea e escoura de ferro), xunto cos datos obtidos de dúas sondaxes a un metro de profundidade realizadas cun ano de antelación que revelaban a presenza de muros, apoiaban xa a máis que posible existencia dun importante xacemento baixo a capa de sedimentos que rexurdiría de novo despois de anos de letargo.

Os traballos arqueolóxicos que permitiron o estudo preliminar da vila tiveron vinte días de duración, unha labor executada nunha superficie aproximada duns corenta metros cadrados, unha pequena porción do que sería esta casa rural romana que combinaría as función de residencia e de centro produtivo, da cal os datos apuntan que tería máis de dous mil metros cadrados de superficie e dataría entre os séculos II e IV.

Durante as escavacións saíron á luz varias estancias da casa, cuns muros e superficies bastante ben conservadas, fragmentos de tégulas (das que algunhas presentan marcas de oleiro), ladrillos, anacos de escura de ferro de distintos tamaños e as columnas dunha lareira. A gran cantidade de escoura que se atopa no xacemento e nas inmediacións confirma a idea de que nesta vila se desenvolveron tanto a labores agropecuarias coma a de transformación do ferro, polo menos en canto ó relacionado coa redución e limpeza do mineral extraído dunha mina de ferro existente na contorna. A mesma toponimia do lugar, Escouredos, de seguro que recolleu directamente a existencia desta actividade e a mesma presenza da escoura de ferro, conxunto de impurezas producido ó fundir nun forno a mena do mineral para o seu posterior tratamento.

Os datos extraídos das exploracións magnéticas do terreo e os datos do xeorradar (aínda por rematar de estudar), axudarán tamén a a coñecer a extensión total das estruturas habitacionais, os distintos niveis de ocupación e outros importantes datos que de seguro verán a luz nos meses vindeiros. Co afloramento desta vila tamén rexurdiron con forza as hipóteses dalgúns estudosos sobre a posibilidade de que esta residencia pertencese a Teodosio O Grande, emperador romano nacido en Cauca no 347, localización identificada tradicionalmente coma Coca (Segovia) e que quizais podería referirse realmente á Coea de Castro de Rei.

Despois do estudo e catalogación dos restos procedeuse a tapalos de novo con terra ata acadar o nivel orixinal (empregando un xeotéxtil como elemento separador) para protexer as estruturas mentres non se proxectan novas intervención ou plans de musealización da vila, ideas que, de executarse e xestionarse correctamente, se converterían nun novo atractivo para o concello e a comarca.

Polo momento, á vila romana de Coea tócalle durmir de novo por un tempo, máis os veciños e amantes do patrimonio gardan a esperanza de que algún día se poda contemplar esta xoia arquitectónica en todo o seu esplendor.