Skip to main content
Actualidade

200 números e… seguimos!

Por 6 Agosto, 2020Sin comentarios

Este mes de agosto facemos a edición número 200 do Xornal TERRACHÁXA, e dicir, levamos uns 16 anos informando de forma gratuíta na comarca. Dirixo o Xornal fai case 5 anos, foi unha casualidade a forma na que caeu nas miñas mans tal responsabilidade pero a verdade, cando me propuxeron a posibilidade de facerme cargo da edición dun xornal na comarca onde nacín e me criei, non me resultou difícil dicir que si e afrontar esta aventura empresarial e sobre todo cultural.

Durante os últimos 5 anos foron moitas as variacións que sufrimos nos nosos modos de vida, pero seguramente ningunha tan brusca como as acontecidas este ano 2020. A chegada da Covid-19 marcou un antes e un despois en moitas das nosas rutinas diarias. Algúns dos cambios a curto ou medio prazo sen lugar a dúbidas desaparecerán, outros viñeron para quedarse.

Fóra de tódalas medidas hixiénico-sanitarias que implantamos destaca tamén a nova metodoloxía de relacionarse e interactuar. Refírome a chegada definitiva das tecnoloxía da información e comunicación (TIC) de forma case que obrigatoria para a práctica totalidade das persoas.

Sen lugar a dúbidas grazas aos avances tecnolóxicos moitos dos parámetros que determinan a calidade de vida do ser humano na actualidade víronse mellorados, é algo en termos xerais dificilmente rebatible. Isto non priva de que estamos ante unha nova forma de actuar en moitas situacións como pode ser a laboral, a da educación ou a sanitaria para o que non fomos educados nin temos conformada unha escala de valores clara sobre como comportarse e como absorber a información recibida.

Desde o Xornal TERRACHÁXA apostamos fai tempo pola suma dun medio tradicional (en formato papel) xunto coas novas TIC´S. Para nós as ferramentas dixitais deben ter os mesmos valores que o papel, e dicir, utilizar fontes fiables, contrastadas, veraces e plurais.

O equipo que conforma este xornal queremos dar as grazas en primeiro lugar a tódolos lectores que nós seguen con asiduidade, un medio de comunicación non pode perdurar se non ten un público a quen orientar a información. O noso compromiso para con vós será o de seguir ofrecendo un medio gratuíto con unha gran tirada e distribución que sirva como medio de comunicación da actualidade máis próxima coa garantía de que leredes unha información de calidade e esperamos que útil.

Tamén desde o equipo de redacción traballaremos no futuro en temáticas sociais facendo públicas as demandas dos diferentes colectivos que traballan na zona, así como actuando de megáfono das necesidades da poboación en xeral e das súas reivindicacións mantendo a nosa independencia informativa.

En segundo lugar agradecemos a colaboración das persoas que de xeito altruísta nós fan chegar as súas aportacións e coñecementos cada mes, xente coma Breixo, Miriam, Pablo, Raúl, Moncho (que continúa a labor comezada por seu pai Ramón), Marco, José Antonio, Lara, Marta, Barcala… Facedes que coas vosas aportacións coñezamos un pouco mellor  o mundo que nós rodea.

Por último agradecer as entidades públicas e aos comerciantes, a maior parte deles pequenos negocios locais, que confiades en nós como medio de difusión da vosa imaxe e actividade. Grazas a vós temos os recursos necesarios para continuar dando vida a este humilde e pequeno xornal.

O pequeno comercio está pasando por un momento complicado onde bastantes autónomos se xogarán a súa supervivencia, e canda eles moitos empregados por conta allea. Sen a tradicional actividade comercial, con orixes bastantes máis ancestrais que o actual capitalismo e co que non debemos mesturar conceptos, a sociedade non tería avanzado. Debemos entre todos ser conscientes da importancia que representa ter un rural con servizos, e moitos deles son impensables sen profesionais próximos que nós proporcionen servizos, produtos e atención de calidade difíciles de atopar noutro tipo de comercio como poden ser os de masas ou a distancia.

Para nós é o momento de apostar pola comarca, temos moitas potencialidades que ofrecer, somos referencia no sector primario e no de transformación industrial ,así mesmo aínda somos descoñecidos no sector turístico pero temos unha historia colectiva e un patrimonio cultural envexable en calquera outro territorio europeo por non dicir mundial. Desde TERRACHÁXA seguiremos dando cumprida cobertura informativa a tódalas actividades e novidades que afonden no desenvolvemento da comarca e a súa área de influenza.

Sen vós, este proxecto non seria posible.

Diego Elías García Puente