Skip to main content
ActualidadeMeira

Vaise mellorar a accesibilidade na Casa do Concello de Meira

Por 12 Agosto, 2020Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Meira, Antonio de Dios, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 69.000 euros para acometer obras de mellora da accesibilidade na casa consistorial do municipio, o que supón o 95% do total do orzamento necesario para executar o proxecto, que ascende a 73.000 euros.

José Tomé subliña que a Deputación “cumpre co compromiso adquirido cos veciños e veciñas de Meira” con esta colaboración económica, que se enmarca na función esencial da institución provincial de cooperar cos concellos da provincia para mellorar os servizos que ofrecen á cidadanía, e polo tanto a súa calidade de vida.

As obras consistirán na instalación dun ascensor no vestíbulo da casa consistorial e na eliminación dos chanzos exteriores, transformándoos en ramplas adaptadas co 10% de pendente. Ademais, reformarase a carpintería de aceiro inoxidable da entrada para permitir a colocación dunha porta automática.