Skip to main content
Actualidade

Entrega de diplomas dos cursos do último semestre do PIE das Pontes

Por 14 Agosto, 2020Sin comentarios

A concelleira de Industria e Emprego, Ana Pena, fixo entrega, esta semana, dos diplomas ao alumnado que participou nos cursos, postos en marcha durante o último semestre, do Programa Integrado de Emprego das Pontes, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello de As Pontes.

Así, con este acto deuse por finalizados os cursos de Prevención de Riscos Laborais,  de carretilla e plataforma, a formación sobre procura de emprego a través de internet, o curso de xestión de stocks e operacións loxísticas así como o curso de fabricación e instalación de carpintería e moble.

Ana Pena agradeceu ao alumnado a súa implicación con estes cursos, dirixidos a mellorar a formación de 100 mulleres e homes desempregados, con especiais dificultades de inserción laboral, animándoos a aproveitar todos os coñecementos adquiridos para desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentar a súa empregabilidade e situarse nunha posición máis favorable cara o mercado laboral, que lles permita unha inserción laboral duradeira e en mellores condicións.

O orzamento do Programa Integrado é de 181.250 euros dos cales 145.000 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 36.250 euros polo Concello de As Pontes, Concello de Xermade e Concello da Capela.