Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

O SLG urxe medidas de apoio ao sector cárnico polo covid-19

Por 22 Agosto, 2020Sin comentarios

Segun do indica o Sindicato Labrego Galego, a pesares de ter pasado dous meses dende a celebración do último Consello Agrario Galego, o 16 de xuño, no que se tratou a necesidade de apoiar os sectores agrogandeiros máis afectados pola crise da covid-19; unha das producións que máis sufriu o impacto do confinamento e do peche e restricións á hostalería, a carne de vacún, segue sen recibir ningún tipo de apoio ou axuda, nin por parte do Ministerio de Agricultura nin da Consellaría de Medio Rural.

Nunha análise realizada polos servizos técnicos do Sindicato Labrego Galego, constatan que o prezo medio das liquidacións entre abril e xuño de 2020 foi de 4’17 euros por quilo/canle en tenreira de calidade Suprema e de 3’5 euros quilo/canle en tenreira normal. Estes datos desmenten os publicados pola propia IXP Tenreira Galega a finais de xuño e demostran o descenso que a crise da covid-19 provocou no valor da carne de vacún na Galiza.

“Se ben os datos do mes de marzo non amosan unha baixada moi forte respecto a marzo de 2019, en abril, maio e xuño apréciase un descenso ao redor dos 50 céntimos por quilo en Tenreira Suprema e outro tanto na normal. A depreciación tórnase brutal no caso da carne de desvelle que, nalgúns casos, chegou a encaixar caídas no prezo do 50%”, din.

“Entendemos que o peche e posteriores restricións na canle Horeca (hoteis, restaurantes e cafetarías) influíse na caída da demanda e, polo tanto, no prezo da carne; e que este feito non se viu compensado polo aumento de consumo nos fogares, que a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) cifrou no 33%. Porén, temos que denunciar o feito de que a crise fose e estea a ser utilizada por industrias e distribución para impoñer unha baixada xeneralizada dos prezos, aproveitando o abandono de funcións do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural diante da posición de abuso coa que se extorsionan as producións labregas”, engaden.

Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego, insisten na necesidade de activar axudas directas, de maneira urxente e a curto prazo, para o sector da carne de vacún. “Estas axudas deben estar orientadas a paliar as perdas producidas pola Covid-19 e a garantir a continuidade das granxas, moitas delas en zonas desfavorecidas e de alta montaña. A mellor maneira de activar estas axudas, a xuízo do SLG, sería autorizar un pago adicional por becerro sacrificado vinculado a vaca nutriz que permita equilibrar os prezos; ou facer un pagamento directo por vaca nutriz ou por granxa, xa que se estaría a pagar directamente a quen produce os xatos”, din.

“Máis a longo prazo, dende o SLG seguimos insistindo na necesidade de ordenar a cadea alimentaria para evitar os abusos da industria que é, agora mesmo, a que impón os prezos en detrimento da IXP Tenreira Galega; e de apoiar outras vías de comercialización alternativas, como a venda directa. Neste senso, cómpre denunciar que a Consellaría de Medio Rural aínda non gastou nin un céntimo dos 4’5 millóns de euros que contempla o Plan de Desenvolvemento Rural PDR 2014-2020 para esta última finalidade”, engaden.