Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Un estudo asegura que o pastoreo mellora a calidade do leite vacún

Por 23 Agosto, 2020Sin comentarios

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), constatou que o pastoreo e unha alimentación a base de herba contribúen a mellorar a composición do leite de vacún e a incrementar os seus beneficios para a saúde. Son as conclusións dunha investigación levada a cabo en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) entre os anos 2016 e 2018, cuxo contido se recolle nunha tese de doutoramento presentada recentemente na Escola Politécnica da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Así, no marco dunha serie de proxectos financiados pola Xunta e o Instituto Nacional de Investigación Agraria, confirmouse, primeiramente, a existencia de dous modelos de produción de leite de vacún en Galicia. Por unha banda, un sistema minoritario baseado en pequenas granxas en extensivo, con vacas menos produtivas e máis lonxevas que consomen pastos frescos e ensilados. Por outra, un modelo maioritario na comunidade máis intensivo, fundamentado en cultivos forraxeiros e en vacas de alta produción menos lonxevas.

Tras analizar o leite de cada un dos dous modelos, os estudos destacan a extraordinaria calidade do produto en ambos casos, aínda que a súa composición varía segundo a alimentación que reciben as vacas en lactación. Deste xeito, as análises demostran que o leite producido en granxas que realizan pastoreo presenta maior concentración de ácidos graxos poliinsaturados e antioxidantes liposolubles bioactivos, beneficiosos para a saúde humana. No caso das explotacións que manteñen os animais estabulados, os compostos bioactivos do leite increméntanse aínda máis cando a alimentación dos animais combina herba e millo, en lugar de apostar masivamente polo millo.

Os resultados experimentais, realizados nas instalacións do propio CIAM, permitiron corroborar as observacións obtidas no estudo realizado nas granxas. Así, constatouse unha clara mellora da composición do perfil de ácidos graxos e de antioxidantes liposolubles do leite cando se aposta polo pastoreo e, en menor medida, cando se inclúe a herba ensilada na alimentación das vacas estabuladas. Do mesmo xeito, confirmouse que un alto nivel de amidón na dieta contribúe a incrementar a produtividade animal, mentres que unha maior proporción de pastos incide na mellora da calidade da graxa do leite.

Como conclusión, a investigación arroxa que combinar o pastoreo e a alimentación a base de herba cunha adecuada suplementación enerxética da dieta permite compatibilizar un alto rendemento leiteiro cunha alta calidade da graxa do leite, rica en ácidos graxos e antioxidantes saudables.

Sector estratéxico
Cómpre destacar que a produción de leite de vaca é unha actividade estratéxica en Galicia, non só pola súa importancia a nivel económico senón pola súa contribución á vertebración do territorio e á fixación de poboación no rural.

A crecente demanda de produtos saudables e respectuosos co medio ambiente, así como comprometidos co benestar animal, abre a posibilidade de ocupar un nicho de mercado con cada vez máis saída. Un modelo de produción de leite máis extensivo, onde os pasteiros proporcionan unha parte relevante da alimentación durante todo o ano, que contribúe non só á calidade do produto, senón tamén ao mantemento da paisaxe e á primordial anticipación aos incendios, grazas ao papel que exerce o pastoreo de roza natural.