Skip to main content
Actualidade

O PP propón á Deputación crear un comité de expertos para asesorar fronte á covid-19

Por 27 Agosto, 2020Sin comentarios

Javier Castiñeira, en calidade de portavoz, expresa a vontade de “máxima colaboración, unha vez máis, do Grupo Provincial Popular co Goberno da Deputación de Lugo para tratar de analizar o antes posible -xa sexa durante unha xunta de portavoces ou mediante unha comisión na que participen tódolos partidos- a situación presente, e as expectativas de futuro, da pandemia na provincia de Lugo.

“Entendemos que veñen tempos complexos e que xa o están sendo nalgúns concellos coma no caso do Incio ou Monforte -localidade que goberna o propio presidente da Deputación- ou como foi tamén para A Mariña”, dixo o portavoz popular.

Castiñeira considera que “a Deputación non pode permanecer impasible ante estas circunstancias”. Sinala: “Non pode pasar o que pasou ao inicio da pandemia cando a Deputación chegou tarde absolutamente a todo e tentou improvisar”. Castiñeira recorda que “houbo falta de material ao inicio da crise sanitaria”. Preocupado porque poda empeorar a situación nas residencias da Deputación ante posibles novos rebrotes, avanza que o Grupo Provincial Popular ofrece a súa máxima colaboración porque “cremos que todos somos necesarios”. Di o portavoz popular: “Débense contemplar todas as opcións posibles dende todos os puntos de vista. Non debe illarse o goberno provincial neste sentido”.

O voceiro popular asegura que “é necesario que haxa un comité de expertos, persoas que tecnicamente podan asesorar á Deputación, aos Concellos e, especialmente, a áreas importantes como é o caso das residencias dependentes da área de política social porque precisan controis estritos e importantes para evitar que haxa contaxios masivos en zonas de risco”.

Castiñeira pídelle ao Goberno da Deputación “que se poña a andar o antes posible. Estamos rematando o mes de agosto e comeza o ano escolar e con el o cambio de moitas tarefas”. Nese sentido, cre que “a Deputación de Lugo debe anticiparse e tomar medidas”, entre as que propón a creación do citado comité de expertos.