Skip to main content
AbadínActualidadeBegonteGuitirizMuras

Abadín e Muras contarán con programación do ciclo Cultura no Camiño

Por 28 Agosto, 2020Agosto 29th, 2020Sin comentarios

Os concellos Abadín, Begonte, Guitiriz e Muras acollerán nos vindeiros días varias propostas culturais da man de Cultura no Camiño+, o ciclo impulsado pola Xunta de Galicia que ata o 15 de outubro celebra a súa oitava edición, nunha versión ampliada que estende a súa programación a preto de 150 de concellos de toda Galicia, 36 deles na provincia de Lugo, no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19.

No Concello de Begonte íase representar o día 30 o espectáculo de novo circo Máis aló aínda da compañía Destrounauts no Club Fluvial pero anulouse por non poder garantir a seguridade e previr as posibles aglomeracións.

Xa no mes de setembro, Muras ten programados tres eventos: a maxia do Mago Teto o día 6 ás 17.00 h. na área recreativa A Veiga, no mesmo emprazamento o día 12 representarase a obra Nabiza Girl ás 19.00 h. e por último, o local social acollerá a obra de teatro Rosalía o día 26 ás 17.00 h.

O día 2 Abadín contará coa música de Timparrantela e en Guitiriz representarase a obra teatral O Camiño de Santiago o día 5 ás 19,00 h.

As anteriores convocatorias dese ciclo centrábanse exclusivamente nos concellos situados no Camiño de Santiago, pero este ano ábrese a todos os municipios. Así, ofreceranse arredor de 450 citas coa música, o teatro, o novo circo, a danza e a maxia producidos de xeito profesional en Galicia, tanto en espazos ao aire libre como en recintos pechados, e garantindo sempre a seguridade do público, ademais da dos equipos técnicos e artísticos.

O obxectivo é impulsar a contratación de espectáculos galegos, ao tempo que contribuír á dinamización cultural dos municipios da comunidade, especialmente dos de menor poboación. De feito, dos 149 concellos de Cultura no Camiño +, 140 contan con menos de 20.000 habitantes. Nestes casos, dispoñen dunha achega de 4000 euros por parte da Xunta (fronte aos 2500 do ano pasado), que asume así o 80% dos custos das contratacións artísticas. Para os municipios de maior poboación, a subvención sitúase nos 4800 euros (3500 euros en 2019), cun incremento ata o 60% na porcentaxe de contratación que asume economicamente o Goberno autonómico.