Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Abren tres exposicións na Casa Habanera de Guitiriz

Por 24 Agosto, 2020Sin comentarios

Este domingo rendeuse homenaxe en Guitiriz a Ricardo Carballo Calero, abríndose a exposición Don Ricardo de Fingoi, dentro dos actos previstos no Festival de Pardiñas que organiza a Asociación Cultural Xermolos.

Na inauguración interviñeron a Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o Presidente da Asociación Xermolos e da Irmandade Manuel María, Alfonso Blanco Torrado; o Presidente do Instituto de Estudos Chairegos, Manuel Castro Santamariña, e o xornalista Xulio Xiz, que falou sobre os quince anos lucenses do profesor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

A mostra, que quedou aberta na planta baixa da Casa Habanera, onde poderá ser visitada ata o 7 de setembro de luns a venres de 10,00 a 13,30, está formada por trece paneis que reflicten os aspectos máis sobranceiros da etapa lucense do profesor Carballo Calero (1950-1965), na que puxo en marcha e dirixiu o Colexio Fingoi, que vai a cumprir os seus primeiros setenta anos.

A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.

O proxecto Don Ricardo de Fingoi inclúe, ademais desta exposición itinerante, un folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro que recollerán opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi.

No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e publicou a súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.

A exposición ten carácter itinerante, iniciando o seu percorrido no Colexio Fingoi (Lugo) o pasado 15 de xaneiro.

Despois de estar en Santiago de Compostela, Sarria, Paradela, A Coruña e Ferrol, nos vindeiros meses chegará a centros educativos, culturais e concellos de toda Galicia.

OUTRAS EXPOSICIÓNS

A Casa Habanera acollerá tamén outras exposicións durante os mesmo quince días. Unha delas será Estrela de Rosalía, que contará cun panel informativo cedido pola Agrupación astronómica IP da Coruña, na cal se achega información relacionada ao respecto.

Por último, o artista lucense Xosé Marra, expoñerá unha mostra fotográfica realizada durante o confinamento e chamada Estado de Alarma.

Marra ten participado en moitas exposicións na Casa das Artes de Pardiñas, en proxectos documentais, facendo memoria dos nosos poetas coma MAnuel Maria e Díaz Castro, e tamén rexistrando no colectivo as luces e as sombras da cotidianeidade.