Skip to main content
ActualidadeMuras

O PP de Muras critica que as placas de inauguracións se usen como tapas de rexistro

Por 19 Agosto, 2020Sin comentarios

A voceira do Grupo Municipal do PP de Muras, Eugenia Requeijo, denuncia o uso de placas de inauguracións de obras de distintas instalacións como tapas para os rexistros da auga ou da luz.

A popular non só lamenta que as placas foran retiradas dos seus lugares “tan pronto chegou ao goberno” o actual executivo local; senón que “agora se usen para tapar rexistros” xa sexa da canalización da auga coma da instalación da iluminación pública.

Eugenia Requeijo explica que se trata de dous rexistros situados nas inmediacións deportivas da área recreativa da Veiga os que contan con estes elementos como peche que non son os axeitados nin polo seu material nin polo impacto visual que supoñen nunha das zonas naturais máis atractivas e máis visitadas do municipio.

A voceira dos populares engade tamén que “guste ou non”, o feito de arrancar as placas dos lugares onde estaban colocadas, “non borra as melloras realizadas en Muras polos anteriores mandatarios”. Nese sentido, cre que “o goberno local debe dar exemplo de respecto e civismo; así como “facer unha correcta xestión das placas atendendo á normativa medioambiental”.