Skip to main content
ActualidadeXermade

O Pleno de Xermade liquida as contas do 2019

Por 19 Agosto, 2020Sin comentarios

A Corporación de Xermade aprobou a conta xeral do exercicio 2019, a non dispoñibilidade de créditos por importe de 62.704,28 euros e os festivos locais para o ano 2021, que terán lugar o martes de entroido, 16 de febreiro, e luns de Santa María, o 9 de agosto.

A declaración de non dispoñibilidade de créditos aprobouse a requirimento do órgano de tutela financeira da Xunta de Galicia, dado que se incumpriu a regra de gasto na liquidación do exercicio 2019. Con esta medida, o Concello de Xermade prevé cumprir tanto o principio de estabilidade orzamentaria coma a regra de gasto cando se liquide o exercicio 2020.

Na sesión de control e fiscalización, douse conta dos decretos da Alcaldía adoptados dende a última sesión ordinaria, dos envíos realizados pola Intervención a través da Oficina Virtual de Coordinación Financeira coas entidades locais (entre os que destaca o Período Medio de Pago do 2º trimestre, de 14,56 días), e a Alcaldía informou ao Pleno tanto das medidas adoptadas por mor da COVID-19 como das subvencións solicitadas, e xustificouse a adopción de resolucións contrarias aos reparos da Intervención municipal.

Esta celebración plenaria foi a primeira que se celebrou na renovada sala de sesións, polo que o alcalde aproveitou para ofrecer  unhas palabras de agradecemento aos empregados municipais que realizaron os traballos, destacando o labor realizado por Juan José González Vázquez, que se encargou da restauración dos mobles antigos de madeiras nobles que agora locen na estancia.