Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

O SLG denuncia ás industrias lácteas pola presión as granxas "instándoas a asinar cláusulas de custes falsas"

Por 22 Setembro, 2020Sin comentarios

O Sindicato Labrego Galego vén de denunciar o “enorme grao de presión que está a exercer a industria para impoñer as súas condicións de compravenda. No SLG sabemos de granxas que se negaron a asinar a cláusula dos custes de produción que lles presentou a industria xunto co contrato e, diante desta negativa, e tras ter todo tipo de presións, acabar recibindo un burofax como ultimato para obrigalas a asinar unha cláusula de custes cos datos falseados baixo a ameaza de deixar de recollerlles o leite”.
“Diante destas prácticas mafiosas coas que se lles está a extorsionar ás nosas granxas, resultan tan lamentables como hipócritas as recentes declaracións do director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), Luis Calabozo, nas que di que non lle consta que haxa abandonos de granxas por non cubrir o prezo do leite os custes de produción, e presumindo de que as industrias souberon adaptarse ben aos cambios na Lei da Cadea Alimentaria. Madia leva”, din.
“A realidade é que a situación do sector lácteo estase a tornar insostible para miles de granxas que seguen indefensas diante das prácticas de extorsión das industrias amparadas pola pasividade da administración, nomeadamente do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural. Por unha banda, o Ministerio segue sen facer cumprir a lei que el mesmo modificou a través de ferramentas como a Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica). Por outra banda, a Consellaría segue sen cumprir a súa promesa de elaborar uns índices de referencia para fixar uns custes de produción oficiais na Galiza que se poidan reflectir nos contratos, e sen convocar aos axentes do sector para tentar chegar a acordos sobre prezos dende o diálogo”, engaden.
“Por iso dende o Sindicato Labrego Galego instamos a Agricultura e a Medio Rural a exercer as súas competencias. En primeiro lugar, pedimos a convocatoria urxente da mesa do leite, pois a extorsión das industrias están forzando unha baixada de prezos que, de seguir así, acabará sendo insostible para miles de granxas na Galiza. Os axentes do sector deben sentarse a falar en pé de igualdade e coa arbitraxe da administración para garantir a adopción de acordos beneficiosos para todas as partes. En canto ao Ministerio de Agricultura, debe deixar de mirar para outro lado e facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria para rematar cos abusos da industria. Ten ferramentas para facelo como a Aica e ten a obriga de velar polos intereses da parte máis feble da cadea de valor que é, precisamente, a que xera riqueza, emprego e mantén vivo o medio rural”, conclúen.