Skip to main content
ActualidadeGuitirizPol TERRACHÁXA

As bibliotecas de Guitiriz e Pol reciben unha achega para organización de arquivos

Por 5 Setembro, 2020Sin comentarios

A Consellería de Cultura e Turismo vén de conceder achegas que suman 23.700 euros a catro concellos da provincia de Lugo para colaborar no financiamento de actividades relativas á organización dos seus arquivos municipais, en particular a descrición dos fondos documentais que custodian de tal xeito que acaden unha mellor xestión documental e arquivística, ao tempo que impulsan a protección, investigación e difusión cultural.

Os municipios beneficiarios das axudas son Cervantes (6.000 euros), Guitiriz (6.000 euros), Portomarín (5.717,25 euros) e Pol (6.000 euros).

A tramitación desta convocatoria estivo suspendida por mor do estado de alarma xerado a causa da crise sanitaria ocasionada polo coronavirus, polo que a Xunta de Galicia ampliará o prazo de xustificación dos proxectos subvencionados ata o 15 de novembro, feito que é publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Cómpre lembrar que os arquivos custodian documentos como testemuño e garantía de dereitos e deberes das institucións e dos cidadáns como fonte de información para a xestión administrativa e a investigación, sendo a súa función a de conservar e servir os documentos.