Skip to main content
ActualidadeXermade

O PP de Xermade critica a situación de desigualde nos pagos do IBI

Por 15 Setembro, 2020Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Xermade, Antonio Riveira, considera que “o feito de que os propietarios de cuadras, palleiras e almacéns situados en solo rústico teñan que pagar máis que os dos situados en núcleo rural demostra un trato discriminatorio para estes veciños de Xermade que, ademais, son os que viven en poboacións máis illadas”. Así o recorda ante o anuncio, a través dun bando da alcaldía, do inicio do período de cobro do Impostos de Bens Inmobles (IBI).

Os populares levan varios anos defendendo a unificación dos criterios de bonificación entre as edificacións de uso agrogandeiro e do sector primario en solo de núcleo rural e as situadas en solo rústico. A este respecto, volven reiterarlle ao goberno local a súa petición para a elaboración e aprobación dunha modificación da ordenanza municipal do IBI tal e como se acordara no pleno do 14 de abril do 2016.

Nese momento, fora aprobada a proposta do Grupo Municipal Popular que recollía a bonificación da cota íntegra do IBI para as edificacións de uso agrogandeiro e do sector primario en solo rústico igual que se estaba facendo no solo de núcleo rural; pero “nunca se levou a cabo a redacción desta ordenanza a pesar de térllelo recordado nos anos seguintes. O goberno local está a incumprir ese acordo do pleno”, critica Riveira.

O voceiro popular engade que “este non é o único incumprimento por parte do goberno local de Xermade” porque “tamén está a incumprir a regra de gasto do exercicio 2019”. É dicir, “gastaron máis do que recollía o orzamento municipal para esa anualidade”.

Concretamente, “pasáronse en máis de 150.000 euros dos que preto de 88.000 euros son para que o Concello abone os gastos do salario do alcalde dado que ese acordo plenario foi anulado por vía xudicial”. Así mesmo, os reparos formulados por intervención en materia de gasto en relación á aprobación das contas do ano 2019 sumaron 513.000 euros”. O popular critica este proceder do rexedor socialista que, mentres, “castiga a amplos sectores da poboación do concello de Xermade con impostos desproporcionados”, lamenta.