Skip to main content
Actualidade

Actuación de Pablo Díaz este sábado na Casa Museo de Manuel María

Por 14 Outubro, 2020Sin comentarios

Este sábado, 17 de outubro, ás 18 h, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, o músico galego Pablo Díaz fará unha viaxe a través dos contos coa música como fío condutor, tratando temas e rutinas adaptadas para as máis pequenas e pequenos, de 0 a 3 anos. Para conseguilo, axudarase de instrumentos como frautas, guitarra, harmónica, e interpretará algún dos seus temas máis populares. Unha sesión relaxada onde a fantasía e a ilusión sexan as protagonistas, e en que grandes e miúdos axuden a cantar e a entoar as melodías e retrousos dos contos e cancións. Moitos dos contos serán cantados de principio a fin.

A actividade, encadrada no programa Proxectos Culturais Xacobeo 2021, é gratuíta mais é imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Pablo Díaz é un prestixioso músico galego, que debutou co seu primeiro traballo discográfico TIC TAC (ed. Kalandraka), en decembro de 2009, co que acadou un éxito espectacular no país, xa que a primeira edición do traballo esgotouse en 3 meses, e vai xa pola 5ª edición con máis de 7000 exemplares vendidos. Con este traballo resultou un dos 3 finalistas nos premios galegos da música Martín Códax e foi o gañador do premio “Anisia Miranda á creatividade infantil” en 2011.

En novembro de 2013, ve a luz o segundo traballo, TOC TOC, da editorial Galaxia. Con este traballo conseguiu o recoñecemento do mundo musical acadando o premio ao mellor traballo de música infantil nos premios Martín Códax 2014, e tocando por máis de 50 concellos de Galiza.

En decembro de 2014, presenta o seu novo traballo máis íntimo e dedicado ao público de menor idade: “Xente Miúda, moita fartura”, apostando nesta ocasión pola autoprodución e contou coa colaboración de Tito Calviño e Carmen Rey.

A finais de 2016, publícase o traballo, “TIC TAC TOC” (ed. Galaxia) ilustrado por Almudena Aparicio. Con este espectáculo fixo unha xira por 60 concellos galegos.

O último traballo de Pablo Díaz é “COAS MIÑAS MANS” (ed. Galaxia) que saíu ao mercado en xuño de 2018 con moi boa acollida por parte do público familiar.

Como contacontos infantil leva feitas centos de sesións desde 2005, formando parte do equipo de animación á lectura da editorial Kalandraka, e posteriormente de xeito individual. Leva dedicada unha boa parte da súa obra como narrador oral ás crianzas de entre 0 e 3 anos.