ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Patricia Otero reclama apoio do Goberno galego para a Mariña

Por 23 Outubro, 2020Sin comentarios

A parlamentaria socialista Patricia Otero lamentou o voto en contra do PP a unha proposición non de Lei na que lle pedía ao goberno galego que acordara unha estratexia para a reactivación económica da Mariña Luguesa. A responsable socialista urxiu unha actuación decidida do goberno galego para unha comarca que está a vivir a súa terceira restrición consecutiva malia estar en fase 0 de contaxios.

Otero reclamáballe á Xunta a constitución dunha mesa de traballo integrada polo Executivo autonómico, os grupos parlamentarios, os axentes sociais e económicos e as entidades locais da comarca da Mariña para consensuar un Plan de reconstrución da comarca. Este plan debera contar cun plan de industrialización, logo de 11 anos sen investir “nin un só euro da Xunta” en impulsar a industria da comarca.

Tamén debera incorporar medidas de potenciación do turismo interior e de costa, medias de apoio á hostalería e restauración, o apoio aos sectores primarios e axudas a autónomos e pequenas e medianas empresas. A responsable socialista presentou no Parlamento as propostas dos sindicatos na última manifestación da comarca no pasado mes de xuño, pedindo “melloras nas infraestruturas, os servizos públicos e a aposta da Xunta para non deixar morrer á comarca”.

Patricia Otero reclamou o apoio dunha comarca que foi a única que despois do confinamento tivo que pasar un novo confinamento, decretado pola Xunta en plena campaña electoral, para agora vivir unha nova restrición cando se atopan en fase 0 de contaxios. Dixo que “necesitamos unha atención especial nesta lexislatura” porque “na Mariña vivimos tres restricións que non sufriu o resto de Galicia”.

Alcoa

Otero replicoulle ao Grupo do PP que a posta en marcha dun plan industrial para a comarca non é incompatible coa defensa dunha solución para a situación da fábrica de Alcoa en San Cibrao mantendo os postos de traballo. Sinalou a contradición da postura do Grupo Popular, que pediu a intervención da planta “xa mesmo” mentres o conselleiro de Industria, na liña do goberno de España, pide buscar primeiro a venta da planta para “non darlle beneficio a Alcoa”.

Acusou ao PP de “darlle alas a Alcoa” na estratexia de facer desaparecer a factoría para deslocalizar a produción. Explicou que ao “ser os únicos que seguen falando do prezo da enerxía o único que fan é engordar a estratexia” da empresa, e puntualizou que “se non é un problema para Liberty –a firma disposta a adquirir a factoría- como o vai ser para Alcoa”.

A responsable socialista lembrou que “quen atopou o comprador foi o goberno de España” mentres a Xunta e o PP se dedicaban a utilizar a situación dos traballadores para facer campaña electoral.