Skip to main content
ActualidadeMuras

Un estudo confirma que os parques eólicos non inciden na fauna local

Por 20 Outubro, 2020Sin comentarios

Os parques eólicos non alteran a vida dos mamíferos salvaxes que poboan os montes. Así o pon de manifesto un estudo científico, utilizando técnicas de fototrampeo, que Endesa realizou nas súas instalacións de Galicia e de Ávila ao longo de doce meses. A existencia, a cantidade e os hábitos da fauna salvaxe nos parques non difiren do que hai na súa contorna, segundo demostrouse despois do seguimento por parte de expertos alleos á compañía.
O estudo, o primeiro do seu xénero que se fai en España, é relevante tanto polo coñecemento que achega como pola súa singularidade, xa que a atención sobre a fauna nas contornas eólicas habitualmente só se centra nas aves e os quirópteros. O traballo dos biólogos desenvolveuse de inicio, durante catro meses, na totalidade dos dezaoito parques eólicos, entre os que se atopa Leboeiro, en Muras e tres nas Pontes.
Coa información recollida en Galicia, os especialistas seleccionaron os seis parques máis representativos dos distintos hábitats da comunidade: Barbanza (Pobra do Caramiñal e Porto do Son), Capelada (Cedeira, Cariño e Ortigueira), Coto Teixido (As Pontes), Faladoira (As Pontes e Mañón), Leboreiro (Muras) e Touriñán (Aranga e Monfero). Nestas instalacións, continuaron a recollida de información ata completar doce meses de campaña, entre febreiro de 2019 e xaneiro de 2020. En Ávila, o seguimento realizouse ao longo de doce meses, entre agosto de 2019 e agosto de 2020, en seis explotacións eólicas.
O traballo de campo consistiu na obtención de testemuños gráficos da presenza de mamíferos por distintos lugares dos parques que os biólogos identificaran como zonas adecuadas para a alimentación, a reprodución ou o refuxio da fauna. Para tal fin dispuxeron de 46 cámaras de tres modelos distintos, que se disparaban por medio de sensores de movemento. Os aparellos eran revisados e descargados cada mes.
O parque eólico de Galicia onde se rexistrou unha fauna máis numerosa e diversa foi o de Touriñán, en Aranga e Monfero, onde se captaron 129 fotografías, das que 9 correspondían a lobos, 34 a raposos, 3 a martas, 2 a teixugos, 42 a corzos, 19 a cervos, 15 a xabaríns, 1 a donicela, 3 a lebres e 1 a rato de campo.
Coas imaxes e outra información obtida no traballo de campo, o equipo de ambientalistas mobilizado por Enel Green Power España concluíu que “a comunidade de mamíferos presente nos parques estudados non difire da existente na contorna”. Tamén sinalou que “a diversidade da fauna nos parques depende en primeiro lugar da diversidade e grao de conservación dos hábitats” en cada explotación eólica.
Subliñan os investigadores que os mamíferos non senten condicionados pola proximidade a infraestruturas eólicas nin polo funcionamento das mesmas. Tanto é así que “se detectaron exemplares de lobo, raposo, corzo ou lebre nos tramos máis curtos de distancia (de 0 a 50 metros) e cos aeroxeradores ao máximo rendemento”.