Skip to main content
ActualidadeVilalba

Amigos do Mupav crean unha comisión para implicar ás distintas administacións no futuro do museo

Por 15 Outubro, 2020Sin comentarios

A Asemblea Xeral da Asociación de Amigos do Museo de Vilalba acordou a creación dun grupo de traballo para trasladar a súa preocupación polo futuro do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba aos distintos grupos políticos e aos seus representantes nas distintas administracións.

Este tema xerou un debate debido á “situación de precariedade que padece, agravada polo deterioro en que se atopan as instalacións da súa actual sede debido aos danos sufridos por unha inundación motivada pola rotura dunha tubaxe, e pola pouca atención co Concello de Vilalba dispensa ás tarefas de mantemento”.

Segundo explica este colectivo o Mupav, nos case trinta anos de historia, converteuse nun referente estatal no eido da museoloxía e da arqueoloxía, organizando distintos eventos científicos e participando en outros celebrados en distintos lugares da xeografía europea. Desde xeito fai unha importante promoción de Vilalba, levando a eses lugares o nome do Concello e “o seu orgullo de ter un museo que conserva un patrimonio arqueolóxico excepcional, que investiga ese patrimonio para reconstruír o noso pasado, e que difunde ese coñecemento dende as súas instalacións e nos lugares onde participa en eventos divulgativos e educativos”.

O Mupav organiza cursos, seminarios e congresos de prehistoria, arqueoloxía e museoloxía que constitúen lugares de encontro e intercambio de coñecemento entre distintos profesionais destes ámbitos e o público que asiste a eles. Tamén produce exposicións itinerantes que se instalan en centros culturais e educativos, así como en festas, feiras e prazas de distintos concellos na nosa terra para espallar o coñecemento sobre a Prehistoria e Arqueoloxía de Galicia e sobre os seus pioneiros. Posúe un completo programa educativo que integra cadernos, visitas comentadas, vídeos e diferentes obradoiros. Ten varias series de publicacións, tanto de carácter científico como divulgativo, que constitúen referencias obrigadas para o coñecemento do pasado do noso país.

“O Mupav constitúe unha peza chave na oferta cultural e turística da Terra Chá que debería ser potenciado dende as distintas administracións, para continuar coa súa exemplar traxectoria, e para reforzar a oferta turística e cultural coa intervención e posta en valor de elementos patrimoniais”, din.

A Asociación de Amigos do Museo colabora co Mupav en distintos ámbitos, especialmente no financiamento das súas actividades de difusión, e no Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba; pero non se pode facer cargo das responsabilidades da administración titular do Museo que é o Concello de Vilalba.

“Nestes tempos de infortunio manifestamos a preocupación da nosa Asociación e de diferentes entidades e persoas polo futuro da institución facendo chegar aos nosos dirixentes a necesidade de atopar unha solución aos problemas que padece o museo do noso pobo”, conclúen.