Skip to main content
ActualidadeFoz

Cajoto afea a falta de compromiso do PP coa atención médica veciñal

Por 1 Novembro, 2020Sin comentarios

O alcalde de Foz valora a liña positiva de respecto que se está a seguir nos últimos plenos municipais, pero afea a falta de compromiso do Partido Popular coa atención médica presencial ás veciñas e ós veciños do concello.

“Estou satisfeito co acatamento ás normas que se acadou, parece que ultimamente se están a limitar as interrupcións e a quenda de palabra está a ser respectada. Creo que os concelleiros, elixidos democraticamente como representantes públicos da cidadanía, debemos ser exemplares e o pleno, como órgano máximo de representación municipal, non pode ser unha excepción”, manifesta Fran Cajoto. Sen embargo afea a actitude do Partido Popular respecto ás mocións de sanidade presentadas: “tanto o PSOE como o BNG trouxemos a debate dúas mocións de urxencia polo deterioro na atención da sanidade pública e, máis en concreto, na atención primaria. Calquera veciña ou veciño de Foz enfermo sabe da problemática para contactar co centro de saúde e de recibir unha diagnose correcta simplemente a través dun teléfono. Non é de recibo que se receite simplemente a partir do que un paciente manifesta nunha conversa telefónica, a saúde é algo moi delicado. Este tipo de atención podería desembocar nun aumento de falecidos por enfermidades comúns ou problemas de saúde tamén a medio e longo prazo nos pacientes, non ten nada que ver coa actitude e o compromiso dos profesionais sanitarios”.

Cajoto engade que “esta moción, que o PSOE de Foz fixo súa, parte da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Galega. Os profesionais demandan medios, máis persoal e protocolos correctos e a Xunta está obrigada a responder. Creo sinceramente que o Partido Popular de Foz debería recapacitar e non aliñarse sempre coas súas propias siglas: está en xogo o benestar e a saúde das veciñas e veciños. As ampliacións de infraestruturas están moi ben pero hai que dotalas de persoal e de medios; e niso deberiamos estar todos de acordo, non entendo votar en contra de dúas mocións que nos benefician a todos”.