Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

O PP da Mariña acusa ao Goberno de “abandono total” nos orzamentos

Por 2 Novembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Representantes do Partido Popular da Mariña concentráronse este luns en Barreiros para denunciar “o abandono total” do Goberno respecto desta comarca que, en palabras do vicesecretario de Participación e deputado no Congreso, Jaime De Olano, “entierra la A-74”. Deste xeito, os populares adiantaron que presentarán emendas ao documento orzamentario, co fin de que se corrixa este agravio, e se incrementen as partidas substancialmente para poder dar comezo ás obras desta infraestrutura tan elemental para a comarca.

Os populares lamentan así as cativas partidas que o Executivo incluíu para esta autovía. Supoñen unha redución do 87% respecto do último investimento aprobado polo Goberno de Mariano Rajoy en 2018. Concretamente, fronte aos máis de 3 millóns de euros que contemplaba o Executivo popular nese ano, os actuais dirixentes só inclúen 400.000 euros para o vindeiro exercicio.

Naquel entón Cristóbal Montoro deixará consignada a partida para redactar, aprobar e licitar os dous treitos máis próximos á Autovía do Cantábrico, os que unen Barreiros, Foz e Burela. O traxecto de Foz a Burela tiña un custe total de máis de 93 millóns e unha asignación que se aproximaba aos 2 millóns de euros. Esta subiría aos 10,3 millóns en 2019 e aos 20 millóns en 2020 para cumprir as previsións indicadas. Para o comprendido entre Barreiros e Foz (82,38 millóns), recollía un investimento de case 1,3 millóns en 2018, que ascendía a máis de 11 millóns en 2019 e a 20 millóns en 2020. O derradeiro traxecto Burela-San Cibrao, cun orzamento total de 83 millóns, tiña consignado medio millón para 2018; 10,5 millóns en 2019; 22 millóns en 2020; e 25 millóns en 2021.

“A comarca máis sacrificada polo PSOE”, di Candia

Con estes datos, extraídos dos distintos proxectos de Orzamentos, a redución anunciada polo Goberno é para os populares un exemplo máis de como o Partido Socialista nestes dous anos e, sobre todo neste último, co apoio de Podemos, está a  castigar a os mariñaos. “Estamos na comarca máis sacrificada polo PSOE”, afirmou a presidenta provincial Elena Candia. Precisamente, a tamén deputada autonómica lembrou como “recentemente tamén viamos como o Plan de Sostibilidade Turística quedaba fóra dos fondos estatais a pesares de ter o compromiso da financiación por parte da Xunta de Galicia”. Elena Candia reafirmouse así na idea de que “estamos pagando os pactos dos socialistas. A Feve nin se cita e con Alcoa xa vimos cales foron as xestións”, sentenciou.

A A-74 é a grande infraestrutura que permitirá  vertebrar a Mariña, ao enlazar a A-8 con San Cibrao. Coas partidas anunciadas, “lo único que van hacer, afirmou Olano, es que esta obra se abandone por completo”. Por este motivo, agarda que os voceiros e alcaldes do PSOE, BNG e de Podemos da comarca se opoñan a este proxecto orzamentario.

Descoñecemento e falta de peso de Tomé

O voceiro do PP na Deputación, Javier Castiñeira, tamén se manifesta moi crítico. Xa o fixo na sesión plenaria de outubro, coa moción do PSOE sobre a A-56 e logo da negación por parte do bipartito para incluír a emenda dos populares que pedía ao Goberno que se comprometese tamén co resto de autovías proxectadas na provincia, entre elas a da Mariña.

“Puxemos contra as cordas ao goberno provincial e, o que é máis grave, xa detectamos a falta de interese do mesmo por esixir aos seus compañeiros na Moncloa que non se marxinase á provincia. Quedounos claro o nulo peso que ten o presidente Tomé nas decisións do Goberno do Estado, pero a Mariña necesita un empuxón. Está a pasar por dúas crises intensas que son a de Alcoa e a da covid, que afecta, esta última, ao comercio e a turismo, e que están mermando o ánimo das mariñaos. Se anunciase a licitación do primeiro treito desta autovía sería un revulsivo para as esperanzas e o noso futuro”, defende.

Dado que non é así, Castiñeira avanza que “traballeremos conxuntamente co resto de deputados para que as emendas que cheguen ao Congreso contemplen ese inicio e licitación do trazado Barreiros-San Cibrao”.