Skip to main content
Actualidade

Burela mantén canceladas as Escolas Deportivas Municipais

Por 6 Novembro, 2020Sin comentarios

A Concellería de Deportes de Burela anunciou que as Escolas Deportivas Municipais seguirán canceladas durante as vindeiras semanas, debido ao peche perimetral que sufrirá a localidade desde a vindeira madrugada. O edil Ramiro Fernández indica que aínda que algunha das Escolas podería celebrarse, por precaución seguirán suspendidas.

O concelleiro de Deportes contou que “desde a Delegación de Deportes do Concello de Burela queremos volver informar á xente que as Escolas Deportivas Municipais van seguir canceladas entendemos que, en principio, durante este mes no que a Xunta de Galicia pecha perimetralmente Burela. Limítanos moito a acción que podemos facer neste tipo de actividades. Pensamos que é o máis prudente, aínda que si é verdade que ao mellor algunha se podía realizar, decidimos por precaución non continuar con ningunha das actividades para evitar e minimizar o risco”.

O edil burelés dixo que “como xa comentamos cando decidimos cancelar temporalmente as actividades, que evidentemente todo este tempo que non se fan as actividades se vai compensar aos pais, ben devolvéndolles a taxa que pagaron ou ben ampliando o prazo das escolas deportivas ou calquera outra alternativa que poidamos facer. Debido ás condicións que se dan agora mesmo, entendemos que non é prudente seguir facendo esas actividades polo posible risco de contaxios que hai”.

Ramiro Fernández sinalou que “no DOG, que saíu publicado no día de onte, non se limita para nada o deporte federado. Nosoutros desde o Concello non puxemos impedimentos, xa que o DOG así o di, aos clubs deportivos de Burela que contan con deporte federado para poder utilizar as instalacións municipais, sempre e cando se cumpran os protocolos e se sexa, se cabe, aínda máis esixentes no cumprimento deses protocolos. Estaremos vixiantes e en caso de que vexamos que os protocolos non se seguen ou vexamos algún tipo de problema o Concello automaticamente pechará as instalacións deportivas. Pero tamén temos que dicir que ata agora a responsabilidade dos clubs deportivos de Burela foi tremenda e entendemos que están facendo todo á perfección. O DOG permítelles seguir facendo deporte federado e o Concello non vai poñer impedimento para que eses nenos poidan seguir facendo deporte. Entendemos ademais que é bo que fagan deporte, sempre e cando se cumpran todas as medidas de seguridade, estaremos á expectativa das novas normativas que vaian saíndo e en función diso iremos tomando as decisións oportunas”.