Skip to main content
ActualidadeCervo

Os autónomos de Cervo poderán solicitar as axudas para a reactivación económica

Por 12 Novembro, 2020Sin comentarios

Os autónomas de Cervo poderán solicitar as axudas para a reactivación económicaO alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Facenda, Dolores García Caramés, anuncian que “desde a vindeira semana xa se poderán solicitar as axudas para a reactivación económica e social do municipio dirixidas a todas as persoas autónomas –que inclúen ao sector agrario e pesqueiro- e microempresas que exerzan a súa actividade no ámbito municipal”. 

As bases que xa se poden consultar na web municipal, serán publicadas no Bolentín Oficial da Provincia (BOP) nos vindeiros días.

Reserváronse 90.000 euros do orzamento municipal –explican- “para tentar botar unha man a todas esas persoas emprendedoras de Cervo que certamente están a sufrir con virulencia as consecuencias da pandemia”. Cada persoa autónoma –precisan- “recibirá un mínimo de 100 euros e un máximo de 850”, en función de factores como a posesión ou non de establecemento físico para o exercicio da súa actividade ou o número de empregados/as; unha axuda que tamén pretende ser un estímulo para incentivar a actividade no municipio.

O plan, que xa leva meses xestándose e perfilándose con detalle para poder chegar a todas as persoas autónomas, suporá un incentivo  de 100 euros para todos/as os/as emprendedores/as con ou sen local, unha contía á que sumará 200 euros se dispón de local; e 200 euros máis se ten entre 2 e 5 traballadores; ou ben 500 euros se emprega a máis de 5 persoas; o que sumaría a contía máxima de 850 euros a recibir.

Tal e como explican o rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Facenda, Dolores García Caramés, durante este tempo estivemos perfilando con detalle esta liña de axudas á que se poderán adherir ata o día 14 de decembro incluído “porque non queriamos deixar fóra a ninguén, conscientes dos momentos tan delicados que están a padecer as persoas emprendedoras de Cervo polas consecuencias desta pandemia que golpeou e golpea a moitos sectores”.

Desde o Concello apuntan que nestes momentos a solidariedade cidadá en todos os aspectos é fundamental para poder superar esta situación canto antes e recordan a necesidade imperiosa de consumir o máximo posible nos establecementos das nosas vilas; “entre todos temos que botarnos unha man”.

Esta axuda vén sumarse a outras medidas que nesta liña se tomaron desde o Concello de Cervo para tentar contribuír a paliar os efectos do coronavirus entre os pequenos empresarios do municipio así; “non se cobrou a taxa do lixo desde mediados de marzo e ata que se levantou a obriga de peche;  tamén se facilitou a ampliación das terrazas nos espazos públicos sempre que foi posible; e modificouse a ordenanza para eliminar a taxa de terraza desde o 15 de marzo e durante todo este ano”.