Skip to main content
ActualidadeXove

CADO Arqueoloxía: “San Tirso permítenos coñecer como vivían en Portocelo“

Por 13 Novembro, 2020Sin comentarios

San Tirso permítenos coñecer como vivían en Portocelo 1.jpgO equipo CADO Arqueoloxía, no que David Fernández Abella é o director do proxecto, é o encargado de realizar as escavacións do xacemento de San Tirso de Portocelo nesta primeira fase. Nestas primeiras semanas de traballo inicial, a idea é saber se o castro ten interese arqueolóxico e tamén valor científico.

Como foi a primeira fase de escavación de San Tirso de Portocelo?

É a primeira vez que se escava no xacemento de San Tirso de Portocelo, polo tanto era una incógnita arqueolóxica o interese e grado de conservación dos restos. Tras tres semanas de traballo de campo podemos dicir que o interese dende o punto de vista científico é moi alto, e o grado de conservación dos restos soterrados, polo menos na parte que nós intervimos, é moi bo. Non obstante, estas sondaxes son apenas 16 m2 de case una hectárea de extensión do xacemento. Coñecemos moi pouco.

Que interese arqueolóxico ten?

O interese arqueolóxico é moi alto, xa que o alto grado de conservación dos restos arqueolóxicos de San Tirso de Portocelo permite traballar con contextos pechados, nos que poder investigar e comprender sociedades e momentos históricos dos que non temos documentación conservada. San Tirso permítenos coñecer como vivían os habitantes de Portocelo nunha aldea fortificada de hai dous mil anos, e como vivían os monxes que habitaron nun mosteiro dúplice hai mil douscentos anos, todo nun mesmo espacio físico.

Cales foron os achádegos máis importantes atopados?

Atopamos multitude de restos arqueolóxicos de interese, obxectos cotiás da vida do castro que nos falan de actividades diarias, pero tamén actividades comerciais e actividades productivas. Destacamos polo seu valor estético una conta oculada de pasta vítrea, de cor azul,  pero en realidade cada peza e importante para comprender a totalidade do xacemento en cada época.

Como se conserva o cemiterio?

Os restos da necrópole localizada atópanse en bo estado. Nós só escavamos una pequena parte: cinco sepulturas das que só investigamos dúas na súa extensión total. O grado de conservación, ao atoparse a moi pouca profundidade, non é excelente, pero ao tratarse de estruturas en negativo, foi relativamente sinxela a definición das fosas que conforman o espacio de deposición dos cadáveres.

Había restos de persoas no cemiterio?

Non; lóxicamente hóuboos, pero o grao de acidez do solo e o paso do tempo acabou por facer desaparecer  (polo menos á vista dun análise macroscópico) todo resto pertencente ás persoas inhumadas alí.

E obxectos?

Tampouco; nas fosas non localizamos elementos de axuar funerario. Seguramente non os hai por razóns espirituais, para ofrecer a ollos de Deus unha imaxe de pobreza e arrepentimento no momento da morte.

Cando estiman rematar?

O prazo legal para a entrega da memoria da actuación e o depósito dos materiais arqueolóxicos recuperados no proxecto de San Tirso de Portocelo é de seis meses.

E cando comezarán as seguintes fases?

Bueno, de momento non finalizou o proxecto completo, aínda que si os traballos de campo. Quedan seis meses de estudo dos datos recompilados en campo, inventariado e análise dos restos recuperados, elaboración de planimetrías, etc. Esperamos ao finalizar poder exponer públicamente os resultados a todos os vecinos.

Cal é a finalidade destas escavacións. Acabarán sendo un enclave turístico importante?

Bueno, a primeira finalidade sempre ten que ser obter coñecemento, dende logo. Estas intervencións se fan principalmente para coñecer a través dos restos materiais o noso pasado. A medio prazo estes recursos patrimoniais, cunha xestión responsable, poden convertirse en puntos significativos, dinamizadores dunha contorna.

Coidamos que San Tirso si o podería ser. Está situado nun encrave moi fermoso a nivel paisaxístico, e no medio dunha importante ruta de sendeirismo que pasa pola costa de Portocelo. Se ademais lle sumamos que o xacemento ten un bo grado de conservación dos restos que poder admirar, digamos que ten todos os elementos axeitados para poder apostar por él como enclave turístico importante.