Skip to main content
ActualidadeViveiro

O Concello de Viveiro explica a perda dunha subvención

Por 13 Novembro, 2020Sin comentarios

O grupo de goberno do Concello de Viveiro, tras as declaracións do PP con respecto á subvención de 25.000 euros concedida pola Deputación de Lugo para a Semana Santa de Viveiro, quere aclarar aclarar publicamente a realidade, facendo constar que, unha vez máis, o PP está manipulando e terxiversando a información co único obxectivo confundir aos veciños e veciñas de Viveiro.

“O Concello de Viveiro renunciou á subvención que a Deputación de Lugo lle tiña concedida para a Semana Santa, por importe de 25.000 euros, porque se trataba, precisamente, dunha axuda de carácter finalista, concedida para un fin concreto que, neste caso, era a instalación da carpa da Semana Santa, onde se alberga a exposicion de pasos Antesala de un Museo”, explica Jesús Fernández, tenente de alcalde e conselleiro de Facenda de Viveiro.

Posto que non se puido celebrar a Semana Santa pola pandemia do COVID 19 e que, consecuentemente, non se puido instalar a carpa, o concello renunciou a esa axuda, que xa non podía darse porque tiña ese carácter finalista.

“De feito, facendo referencia a que o Grupo Provincial do Partido Popular solicitara en días pasados ao Goberno da Deputación que informase aos concellos da posibilidade de cambiar os fins de subvencións nominativas para eventos que non se puideran executar debido á crise sanitaria, este concello xa tiña os deberes feitos e realizara as xestións pertinentes ante o ente provincial, renunciando a dita subvención finalista para a tramitación dun convenio por unha cantidade moi superior á que correspondía pola subvención para a carpa da Semana Santa”, engade Fernández.

Ese convenio, por importe de 150.000 euros, foi asinado o pasado 27 de outubro para a promoción do turismo e diversas melloras en infraestruturas, así como para o mantemento da piscina municipal, entre outras actuacións.

En palabras do tenente de alcalde de Viveiro, “parece que sigue existindo mala fe por parte do Partido Popular, volvendo a tempos anteriores de crispación, enzarzamento e acritude. Parece que, como de costume, están tratando de desprestixiar ao goberno municipal de Viveiro para tapar precisamente os seus incumprimentos, pois preguntámonos: que foi daquel anuncio do Sr. Feijoo e do voceiro do PP, o Sr. Rodríguez Blanco, en plena campaña das eleccións de 2019, dos 3,5 millóns de euros anunciados para un Museo da Semana Santa de Viveiro?”.

“Como se dixo, o goberno municipal de Viveiro non perdeu unha subvención da Deputación de Lugo por importe de 25.000 euros; todo o contrario, conseguiu unha axuda de 150.000 euros. Con respecto ás declaracións do PP só caben dúas posibilidades: ou non se enteran ou, o que é máis grave, teñen malicia para confundir aos veciños e veciñas de Viveiro”, remata Jesús Fernández.