Skip to main content
ActualidadeO Valadouro

A Deputación inviste o Valadouro para vivendas sociais e o centro de día

Por 15 Novembro, 2020Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

A Deputación inviste o Valadouro para vivendas sociais e o centro de díaO presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, co obxectivo de investir preto de 114.000 euros en varias actuacións que servirán para ampliar e mellorar os servizos públicos e a calidade de vida dos veciños e veciñas deste municipio da Mariña, e para fixar poboación.

O convenio contempla a elaboración do proxecto de construción de vivendas de protección oficial en Ferreira do Valadouro, a adecuación dun inmoble para usar como centro de día e a adquisición de bombas de recirculación de auga para a piscina municipal.

En canto ao proxecto para a construción de vivendas, o Presidente explicou que ten un investimento de 43.000 euros e o obxectivo é “crear unha bolsa de vivendas por iniciativa municipal que apoiamos con este convenio dende a Deputación para fixar poboación, promovendo que as novas xeracións poidan quedarse a vivir en Ferreira e evitar que se vaian a outras localidades”.

A previsión inicial é construír 22 vivendas, nun edificio que terá un soto con 22 prazas de garaxe, 22 rochos, planta baixa con locais comerciais, 3 alturas e 1 planta baixacuberta. “Os prezos das vivendas estarán regulados e serán asequibles para que a xente moza poida optar a elas”, subliñou Tomé Roca.

Centro de día

Este convenio tamén contempla o acondicionamento e equipamento dun inmoble municipal para a creación dun centro de día en Ferreira por importe de preto de 57.000 euros. O edificio onde se van efectuar os traballos está destinado a vivendas sociais e a súa planta baixa a centro de día. As actuacións estarán enfocadas a resolver as deficiencias detectadas no seu estado, a garantir a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida e a crear un espazo acorde co uso de centro de día.

O local vai contar con dous aseos adaptados, vestíbulo e corredor, sala de curas, oficina, almacén, comedor, unha sala polivalente e unha sala de rehabilitación.

Pola súa banda, a adquisición de bombas de recirculación para a piscina municipal ten un investimento de preto de 14.000€, que servirán para mellorar o funcionamento desta infraestrutura que se utiliza nos meses do verán.