Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

O Concello de Mondoñedo aprobará o mércores o orzamento municipal para 2021

Por 15 Novembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo aprobará o mércores o orzamento municipal para 2021O pleno da corporación municipal de Mondoñedo aprobará o próximo mércores o orzamento municipal para 2021, por importe de 3.828.387,86 euros, unha cantidade superior ao do ano en curso. A comisión de Contas informou favorablemente o proxecto orzamentario na reunión que mantivo o pasado venres. O proxecto orzamentario recolle as propostas feitas ao Concello desde as distintas plataformas de participación cidadá.

Por políticas de gasto, o resumo do proxecto orzamentario é o seguinte: Seguridade e Mobilidade Cidadá, 239.006; Vivenda e Urbanismo, 141.344; Benestar Comunitario, 774.465; Medio Ambiente, 84.586 euros; Servizos Sociais e Promoción Social, 771.174; Fomento do Emprego, 45.906; Educación, 223.744 euros; Cultura, 489.941 euros;  Deporte, 121.955; Industria e Enerxía, 8.000; Comercio, Turismo, Pequenas e Medianas Empresas, 70.500 euros; Infraestruturas, 285.428; Órganos de Goberno, 78.573 euros; Servizos de Carácter Xeral, 376.895; Administración Financeira e Tributaria, 112.065 euros; Transferencias a outras Administracións Públicas, 4.800 euros.

O goberno municipal presenta o proxecto orzamentario para a súa aprobación en tempo e forma, como o ben facendo o Concello desde que o PP asumiu a alcaldía. É unha manifestación máis, e das máis relevantes, da decisión do equipo de goberno de impulsar unha administración ordenada e eficiente.

O orzamento que se someterá a debate é, en palabras do goberno local, “prudente e realista”, no que non se inclúen aportacións non confirmadas doutras administracións, é dicir, non se inclúen proxectos que non estean plenamente confirmados.

Como se pode apreciar polos importes das distintas políticas, o proxecto orzamentario ten un moi marcado carácter social, de maneira que as dúas principais partidas son as de Benestar Comunitario e Servizos Sociais e Promoción Social.

Nas grandes contas de Mondoñedo para o próximo exercicio queda reflexado o traballo feito polo goberno municipal para captación de recursos doutras administracións.

Desde o punto de vista dos ingresos por impostos e taxas, queda clara a vontade do goberno local de facilitar a recuperación dos sectores máis afectados pola crise provocada pola pandemia como é o caso da hostalería. Así mantense a conxelación das taxas, por exemplo no caso das aplicables as terrazas. Neste orzamento desaparece o imposto de plusvalía. Hai, por tanto, dito con carácter xeral, unha baixada de impostos e taxas.

Un dato relevante neste proxecto orzamentario é que reflexa a aposta do Concello por todo o que ten que ver coa cultura e o turismo, como fonte de riqueza para o municipio.

Por outro lado e ao marxe do proxecto orzamentario, o goberno local destaca que a aportación que lle corresponda ao Concello dentro do Plan Único da Deputación destinarase á zona rural. Igualmente, pon de manifesto que a execución do plan de dinamización da Área Rexurbe mobilizará ao redor de catro millóns entre fondos públicos e privados.