Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

As investigacións na Cova do Rei Cintolo deparan interesantes novidades

Por 17 Novembro, 2020Sin comentarios

As investigacións na Cova do Rei Cintolo deparan interesantes novidadesO director do proxecto de investigación “Rei Cintolo, Obxectivo 11.000”, o doutor Marcos Vaqueiro, acaba de presentar a memoria do traballo de investigación levado a cabo na cova ao longo deste ano. Destaca a colaboración da Federación Galega de Espeleoloxía e do Concello de Mondoñedo, do que di “que está apoiando incondicionalmente este proxecto dende o minuto cero”. Dende o propio Concello se insiste en que a súa aposta pola posta en valor da cova vén de moi atrás e está garantida de cara ao futuro, porque constitúe un recurso arqueolóxico e turístico fundamental para atraer turismo ao municipio.

O traballo efectuado na cova no marco do citado proxecto ten por obxectivo principal elaborar un estudo topográfico e morfolóxico. Participan 37 espeleólogos galegos, de diferentes grupos, adscritos maioritariamente á Federación Galega de Espeleoloxía. Tamén se levaron a cabo traballos de monitorización da temperatura da cova nas súas zonas máis profundas. Tamén se estuda a rede de drenaxe baixoterreña. Leváronse a cabo análises das augas.

Segundo se indica na memoria, un dos feitos máis relevantes da campaña foi a localización de diversos restos óseos en diversas pasaxes e niveis da cavidade. Atopáronse restos animais a máis de 49 metros de profundidade e máis de 223 da actual entrada da cova. Os datos preliminares apuntan á presenza de oso pardo nos niveis máis altos da cova, hai uns 9.000 anos. Ata o momento non se coñecía fauna na cova de máis de 7.500 anos.

No Concello mindoniense ratifican unha vez máis o seu total compromiso coa promoción da cova, porque “é un dos principais reclamos turísticos da cidade e seguiremos a traballar para impulsala”. Nesta liña, o Concello asumiu iniciativas como a construción dunha pasarela de madeira respectuosa co medio ambiente para facilitar aos turistas o paso a este enclave, así como a firma dun convenio coa Federación galega de Espeleoloxía que permitiu mellorar o horario e unha maior flexibilidade de acceso á cova.

Dende o goberno municipal se indica que Mondoñedo suma, grazas á Cova do Rei Cintolo, o atractivo de destino turístico científico. Hai que recordar que esta cova ten a distinción de Destino Turístico Científico coa certificación Observer@ .

O Concello de Mondoñedo, seguindo a súa liña de promoción da cova do Rei Cintolo, acolleu coa mellor disposición a proposta da Federación Galega de Espeleoloxía para a creación do Espeleoparque da Mariña.