Skip to main content
ActualidadeViveiro

Aprobada a moción para exixir á Xunta o restabelecemento das consultas sanitarias presenciais en Viveiro

Por 19 Novembro, 2020Sin comentarios

O pleno de Viveiro celebrado o pasado 3 de novembro, aprobou a moción presentada polo BNG sobre a reactivación urxente nos centros de atención primaria para restabelecer as consultas presenciais nos centros de saúde de atención primaria, nomeadamente no de Viveiro, co obxecto de dar resposta ás demandas da atención pola covid-19 como tamén ao resto de patoloxías e rematar coas listas de espera neste nivel asistencial co persoal e as medidas de prevención de contaxios precisos, para garantir así unha atención sanitaria digna á veciñanza de Viveiro.

Esta moción dos nacionalistas saiu adiante cos votos a favor de todos os grupos da corporación viveirense a excepción do PP, cuxos cinco membros se abstiveron.

Os nacionalistas viveirenses consideran que a resposta á pandemia non pode estar baseada en aumentar as retricións de acceso á asistencia no sistema público e cren que a Xunta aproveitou a emerxencia sanitaria que estamos a padecer, para tomar a decisión unilateral de reducir drasticamente a atención persoal, restrinxindo consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas e non cubrindo as baixas e vacacións dos profesionais. “É preciso desconfinar a sanidade pública e reactivar a atención presencial con máis persoal, máis información e máis accesibilidade para dar un servizo de maior calidade aos veciños e veciñas de Viveiro” demandou con contundencia a súa portavoz municipal, Miriam Bermúdez, durante a súa intervención no debate plenario.

Por outra banda e a instancias do BNG, tamén se acordou polos membros da corporación municipal, demandarlle á Xunta a publicación de inmediato da situación das listas de espera hospitalarias, poñer en marcha un plan de choque para reducir estas listas e aumentar no orzamento do 2021 os fondos destinados a Atención Primaria até chegar ao 25%, no inmediato 200 millóns de euros.

Finalmente e en relación á situación en Viveiro, a portavoz municipal do BNG denunciou a longa espera dos usuarios de até varios meses para poder realizar unha análitica e a espera de até 10 días para recibir atención médica telefónica. Míriam Bermúdez fixo fincapé na necesidade de estabilizar o cadro de persoal que desenvolve o seu traballo no centro de saúde do municipio o que axudaría asímesmo a un maior coñecemento da súa poboación e pacientes.