Skip to main content
ActualidadeFoz

A aula Universitaria da Uned en Foz acolle nos próximos meses diferentes actividades formativas

Por 22 Novembro, 2020Sin comentarios

A aula Universitaria da Uned en Foz acolle nos próximos meses diferentes actividades formativasA aula Universitaria da Uned en Foz acollerá durante os próximos meses actividades formativas nos ámbitos educativo, psicolóxico, de idiomas, xurídico e de lecer.

Foron anunciadas polo alcalde focense, Fran Cajoto, e a coordinadora do centro, Fuensanta Otero, quen explicou: “presentamos as actividades de Extensión Universitaria do primeiro semestre do curso 2020/2021 que terá Ámbito educativo, como A formación docente é o camiño e Mediación escolar; Ámbito psicolóxico, como Primeiros auxilios psicolóxicos en situacións de emerxencia e crise, Xestión das relacións interpersoais nas organizacións e Benestar Emocional para a túa Vida; Ámbito dos idiomas: preparación Iniciación B1 de Inglés e Celga 3 e 4; Actividades de formación no ámbito do lecer e tempo libre homologas pola Xunta, como a 6ª edición de Monitor de tempo Libre e Director de tempo libre; e Ámbito xurídico: Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas”.

Fuensanta Otero engadiu que “en divulgación social e cultural seguimos traballando no ODS 14, Vida Submarina, coa 5ª edición da actividade Biodiversidade e Conservación Mariña. En colaboración con ACIA Foz destacamos a actividade Iniciación á fotografía do produto e Photoshop. Ademais, o noso ciclo de autores locais iniciámolo con gran ilusión para dar a coñecer as obras escritas de autores focenses; e así en breve estarán connosco Anxo Castiñeira, David Val e Martín Fernández Vizoso. Destacar a formación realizada xa en outubro sobre Mediación Familiar con 65 participantes e a adscrición con ADEGA á IX Limpeza simultánea de praias, unha xornada de voluntariado ambiental no areal de Llas, cuxo obxectivo é concienciar á sociedade na loita contra a contaminación mariña”.

Os interesados en obter máis información sobre estas actividades poden dirixirse á secretaría da Uned Aula Universitaria de Foz, situada no IES de Foz; chamando aos teléfonos 982.133.699/604.034.549 ou ben no correo electrónico foz@lugo.uned.es.

A coordinadora da aula focense comentou que “o Departamento de Extensión Universitaria do Centro Asociado da Uned en Lugo, no seu empeño por facilitar aos cidadáns espazos dixitais de crecemento cultural e científico, e de promover e difundir os fundamentos da cultura científica, ten como misión ofrecer un amplo catálogo de actividades culturais, xornadas, conferencias e cursos, entre as que se atopan aquelas que realizamos desde a aula de Foz durante o confinamento e que aglutinaron a 600 matriculados, encantados de ocupar o seu tempo, debido ás circunstancias que nos tocaron vivir, en actividades formativas gratuítas sobre saúde, alimentación saudable, exercicio físico, apoio psicolóxico, deseño de ideas, aprender inglés e mesmo unha exposición multimedia, ademais doutras actividades impartidas. As actividades levadas a cabo en Extensión Universitaria pretenden, a través do emprego de ferramentas TIC como canle de difusión, promover a utilidade social e formativa do coñecemento cultural, científico e tecnolóxico, contribuíndo, desta maneira, ao mantemento da relación entre sociedade e universidade e á xeración dunha dinámica de intercambio entre a comunidade universitaria e os cidadáns, mellorando a calidade de vida de estes”.

Ademais Fuensanta Otero destacou “o importante logro de Uned Lugo, que foi premiado recentemente polo Consello Social pola súa Boa Práctica, un recoñecemento ao bo facer do centro de Lugo e as súas Aulas. Seguindo as directrices do centro, comezamos a traballar desde a aula de Foz no ODS 5 (Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas) e as nosas achegas deron os seus froitos enriquecéndose a liña de traballo con actividades diversas como o vídeo fórum Loita de Mulleres, Loita Feminista, cursos sobre educación afectivo sexual: Recursos para a Igualdade e Criminalística aplicada aos delitos da Violencia contra as mulleres. Estes logros fan que a nosa pequena Aula de Foz, co apoio do Concello de Foz e Uned Lugo, siga avanzando con ilusión e apostando por unha relación moito máis estreita aínda, se cabe, coa sociedade focense e nosa gran universidade”.