Skip to main content
ActualidadeFoz

O Concello focego adxudica o contrato de mellora de accesos e seguridade vial

Por 24 Novembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Foz procedeu á adxudicación das obras de mellora de firme e seguridade vial nos accesos ao núcleo urbano da vila, por un importe próximo aos 95.000 euros.

O alcalde, Fran Cajoto, anunciou que “cun presuposto de proxecto de case 11.2000 euros, o Concello de Foz adxudicou por unha cantidade final de 95.000 euros, con cargo ao Plan Único 2020 da Deputación, as obras de mellora de firme e seguridade vial nos accesos ao núcleo urbano da vila. As dúas entradas de Foz, tanto por Vilaxoane como por Marzán, teñen un estado de conservación moi deficiente. É urxente actuar nelas, por seguridade de todos os usuarios, e é iso o que estamos a facer”. 

O rexedor explica que “as obras comprenden o fresado de 552 metros e reposición do firme con 5 centímetros de aglomerado en quente nas rúas Avenida de Asturias, Rúa de Lugo, Rúa de Cervantes e Avenida de Viveiro. Tamén se vai arranxar, con 6 centímetros de aglomerado en quente D-12, a zona das curvas de Vilaxoane, que presentan un firme moi deteriorado”.

Fran Cajoto destaca que “o que se pretende é conseguir uns accesos cómodos e renovados. Unha das nosas prioridades é a seguridade vial e tamén imos actuar para reducir as velocidades dos vehículos nestas zonas. Así prevese a construción de tres pasos elevados de peóns: dous en Vilaxoane, no entorno do cruce coa estrada provincial LU-P-2001, e un terceiro en Marzán, na Avenida de Viveiro preto do cruce coa Rúa do Vicedo. Queremos que as obras queden ben e estaremos pendentes dos detalles”.

O alcalde engade que se vai dispoñer unha beirarrúa no entorno do cruceiro de Vilaxoane para facilitar o cruce dos peóns, así como unha serie de actuacións no vial de subida ao IES de Foz. “A rampla é moi pronunciada e o rego con gravilla non é o firme axeitado. Vaise dispoñer unha beirarrúa en toda a rampla de subida e renovarase o pavimento con aglomerado en quente de 6 centímetros de espesor. Tamén substituiremos o canal do inicio da rampla por unha rexa que cumpra correctamente as funcións de drenaxe”.

O concelleiro Carlos García afirma que estas obras “constitúen un pasiño máis na liña de actuación que o Concello está a desenvolver no marco da Axenda 2030, a cal avoga no seu obxectivo número 11 por conseguir que os núcleos urbanos sexan máis inclusivos, seguros e sostibles. Damos prioridade á realización de melloras en materia seguridade vial e a conquistar espazos para o peón que redunden no benestar de todas os nosos veciños”.

As obras complétanse co repintado de máis de 5.600 metros de liñas, 7 pasos de peóns e a disposición de 20 novas sinais verticais, de forma que as rúas queden debidamente sinalizadas.