Skip to main content
ActualidadeViveiro

Piden a sinalización e promoción dos roteiros de sendeirismo no concello de Viveiro

Por 28 Novembro, 2020Sin comentarios

O BNG de Viveiro vén de presentar unha moción para a súa aprobación en pleno sobre a creación dun apartado na web das rutas de sendeirismo e a súa sinalización.

“Viveiro conta cun gran patrimonio natural, histórico e arquitectónico que parece estar condenado ao olvido, sen potenciar a súa posta en valor coa consecuente perda social e económica. Patrimonio arquitectónico como, muíños, pontes de pedra, minas, camiños… Así como patrimonio natural no que atopar fragas, ríos, fervenzas, penas, soutos… Patrimonio que na gran maioría conta con camiños de acceso e rutas xa creadas polos e polas amantes do sendeirismo e outros deportes, como correr ou bicicleta. Rutas e camiños que, cunha sinalización axeitada e a súa correcta difusión, axudarían a xerar rutinas e hábitos saudábeis para a veciñanza como tamén as tan necesarías alternativas de ocio para a nosa xuventude”, din dende o BNG.

“Paraxes e camiños que hoxe en día non contan con sinalización nin o mantemento do trazado polo que tan só unha pequena parte da veciñanza, que sabe cómo chegar, pode desfrutar da potente rede de rutas que ten o noso concello como o Monte Castelo, Silvarosa, San Roque, Penedo do Galo… E como bo exemplo temos a Ruta da Auga, iniciativa de Terras de Viveiro, que desde a súa creación permiteu a moita veciñanza coñecer a historia da primeira traída de auga en Viveiro”, engaden os nacionalistas.

Coa incorporación destas alternativas de ocio en Viveiro, enriqueceríase o abano de actividades en Viveiro contribuíndo de maneira real a desestacionalizar o turismo, nunha época Covid, na que é imprescindíbel potenciar actividades de ocio ao ar libre e sen aglomeracións.