Skip to main content
A FonsagradaRibeira de Piquín

Rematan as obras nun camiño entre A Fonsagrada e Ribeira de Piquín

Por 10 Decembro, 2020Febreiro 4th, 2021Sin comentarios

A directora xeral xunto aos alcaldes, no camiño reparado

Remataron as obras de acondicionamento do camiño entre Outariz e Piñeira, nos concellos de Ribeira de Piquín e A Fonsagrada, que recibiran unha achega conxunta de 50.000 euros da Orde de infraestruturas de uso público da Xunta de Galicia para a execución destes traballos.

A directora xeral de Administración Local do ente autonómico, Natalia Prieto, comprobou in situ o resultado das obras, que se levaron a cabo nun tramo de 2,6 quilómetros e que incluíron a limpeza de cunetas e o acondicionamento e rasanteo do firme, que presentaba múltiples deficiencias e dificultaba a circulación de vehículos.

Durante a visita, Natalia Prieto subliñou a importancia da colaboración entre a administración autonómica e a local “que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza” xa que, grazas a estas axudas, “os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns e que non se poderían levar a cabo en moitas ocasións se non fose pola colaboración entre Xunta e concellos”.

Os concellos da Fonsagrada e de Ribeira de Piquín recibiron, segundo lembrou a directora xeral, 1,2 millóns e 740.000 euros respectivamente en achegas da Xunta de Galicia nos últimos anos, para levar a cabo actuacións en saneamento, iluminación e na dotación de equipamentos para os concellos.