Skip to main content
ActualidadeViveiro

Viveiro demanda á Xunta melloras urxentes nas instalacións da estación de autobuses

Por 5 Decembro, 2020Sin comentarios

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, remitiu un escrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia informando da situación na que se atopa o interior da estación de autobuses de Viveiro, co fin de que por parte desa administración se poidan adoptar as medidas oportunas en aras a unha correcta prestación do servizo para todas aquelas persoas que fan uso destas instalacións.

No escrito remitido explicase que a día de hoxe a estación carece dun servizo de información ao que os usuarios poidan acudir para coñecer a disponibilidade das liñas, os horarios, etc. Esta situación provoca un grave prexuízo para os veciños ou visitantes que fan uso deste transporte, ao non poder obter este tipo de información de forma presencial nesta oficina nin chamando ao seu número de teléfono.

Tamén se indicaba que as instalacións presentan deficiencias, ademais de carecer dun correcto servizo de limpeza. Esta circunstancia faise especialmente notable nos aseos, como se pode ver nas imaxes axuntas, estando dispoñibles unicamente un para homes e tres para mulleres; os usuarios tamén adoitan queixarse pola falta de material hixiénico, ademais de faltar as portas de acceso aos baños e da falta de mantemento do pavimento.

Segundo a información facilitada a este concello, a concesión para a xestión da mesma (que rematou en 2013) correspondía á empresa Arriva quen, á súa vez, realizou unha subconcesión a favor dunha empresa instalada nun dos locais comerciais da estación sendo esta a que, en virtude desta subconcesión, se encargaba da xestión, limpeza interior, e exterior, etc. da estación de autobuses.

Segundo se indicou a este concello, dende 2013 Arriva non mantén ningún tipo de contacto coa citada subcontrata, que de forma voluntaria continúa realizando unhas mínimas labores de mantemento e limpeza.

En base a isto, solicitouse á Xunta de Galicia a adopción das medidas oportunas para regularizar esta situación que está a afectar a este servizo e instalacións públicas, nas que a Administración Autonómica acaba de realizar unha importante inversión e nas que, como pode verse, tamén se precisan actuacións no seu interior, tendo en conta que se trata dunha estación de autobuses dun concello como é Viveiro, que é o terceiro máis grande da provincia de Lugo.