Skip to main content
ActualidadeCervo

Xurxo Souto presenta o seu novo libro no Museo do Mar de San Cibrao

Por 5 Decembro, 2020Sin comentarios

Xurxo Souto presenta o seu novo libro no Museo do Mar de San CibraoXurxo Souto presenta este sábado o seu libro “Pangalaica, recortes poderosos”, nunha sesión virtual que se poderá seguir a través das redes sociais do Museo do Mar de San Cibrao a partir das 12.00 horas.

O libro, publicado por Galaxia, recolle oitenta relatos ilustrados, inspirados en historias e persoas que o autor coñeceu nas súas xiras por Galiza á fronte dos Diplomáticos de Monte Alto. En palabras do músico e escritor coruñés, trátase de “petiscos cheos de humor que acaban conformando unha cosmovisión alternativa do país: É mentira a fronteira entre o rural e o urbano. Todas somos da aldea”, reivindica.

Concerto de Ugía Pedreira

Á presentación, seguirá un concerto da artista mariñá Ugía Pedreira, que está a abrir unha nova etapa artística na súa traxectoria, presentándose como A Pedreira, cun repertorio de cancións propias, poemas e aparellos sonoros.

Actividade complementaria a “Amar a mar”

A presentación inclúese entre as actividades organizadas arredor do proxecto “Amar a mar”, que a Rede Museística está a desenvolver desde o pasado mes de novembro para poñer en valor o patrimonio do Museo do Mar de San Cibrao e a pegada da súa actividade cultural e divulgativa na comarca da Mariña.