Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Cifran en preto de 30 millóns de euros o impacto que tería o recorte de cotas de pesca

Por 13 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Cifran en preto de 30 millóns de euros o impacto que tería o recorte de cotas de pescaA conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou  que o recorte de cotas de pesca proposto por Bruxelas para o Cantábrico-Noroeste no 2021 -que exclúe aos caladoiros do Gran Sol e Francia á espera das negociacións sobre o brexit-  tería un impacto potencial de preto de 30 millóns de euros no conxunto da economía galega. Desa cifra global, 12,5 millóns de euros corresponderíanse coa afectación na primeira venda de produtos do mar, o que supón o 60% dos preto de 23 millóns de euros de afectación potencial que a proposta da Comisión Europea tería na frota española que faena no caladoiro Cantábrico-Noroeste. 

Ademais a Xunta de Galicia advirte de que esta situación afectaría a máis de 2.300 tripulantes das diferentes frotas cunha redución potencial nos seus salarios de máis de 4,6 millóns de euros. Estes son os datos que recolle un informe do Executivo galego trasladado ao Goberno central de cara a fixación das posibilidades de pesca para o ano que vén e que puxo de relevo a titular de Mar no marco do Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios celebrado en Madrid. 

Nesta xuntanza perfilouse o posicionamento de España para as negociacións da próxima semana no Consello de Ministros de Pesca da UE no que Galicia representará novamente ás comunidades autónomas da man do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Este  encontro é decisivo para a frota pesqueira, salientou Rosa Quintana, xa que nel se negociarán as posibilidades de pesca de 2021, o ano no que se deberá acadar ou consolidar o Rendemento Máximo Sustentable (RMS) en todas as especies convivindo coa obriga de desembarque de capturas e co posible impacto do brexit e a pandemia da covid-19. 

A proposta da Comisión Europea que se tomará como punto de partida para estas negociacións dos Totais Admisibles de Captura (TAC) é negativa para España, pois inclúe a redución das capturas no caladoiro Cantábrico-Noroeste que chegan ao 13% nos casos da pescada sur e do peixe sapo ou ao 11% no caso do rapante.

Nesta liña, Rosa Quintana fixo fincapé na importancia de ter en conta os aspectos socioeconómicos a maiores dos medioambientais á hora de fixar as posibilidades de pesca, sobre todo ante a situación derivada da alerta sanitaria polo coronavirus. Ademais Galicia defende a necesidade de que haxa flexibilidade na xestión das pesqueiras, especialmente tendo en conta o bo comportamento dos caladoiros nos que faenan as frotas española e galega. Estes aspectos foron tamén expostos hai uns días pola conselleira do Mar á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva

En relación ás especies de augas profundas, como o ollomol e o sabre negro, entre outras, Galicia defendeu unha vez máis  a eliminación dos TAC, pois son poboacións de peixes sen actividade dirixida, é dicir, adoitan ser accesorias da actividade pesqueira, polo que son de escasa relevancia de captura e sen riscos relativos á súa conservación.